A inestabilidade impulsa o papel das armas atómicas nas relacións internacionais ao nivel máis alto desde a Guerra Fría

Sistema de mísiles balísticos ruso. (Foto: Europa Press / Contacto / Gavriil Grigorov / Kremlin Pool)

Os Estados Unidos concentran máis da metade do gasto en armamento nuclear.

“Atopámonos nun dos períodos máis perigosos da historia da humanidade”, remarcou Dan Smith, director do Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (Sipri), ao facerse público a segunda feira o seu informe anual arredor do armamento, o desarme e a seguridade internacional.

Smith apunta que “existen numerosas fontes de inestabilidade”, reclamando que “as grandes potencias dean un paso atrás e reflexionen, preferibelmente xuntas”. Esta inestabilidade levou a que as armas atómicas teñan o papel máis destacado nas relacións internacionais desde a Guerra Fría, sinala Wilfred Wan, director do Programa de Armas de Destrución Masiva.

Neste ano, a entidade estima que hai 3.904 oxivas atómicas despregadas en mísiles e avións, 60 máis que en 2023, e delas, 2.100 están en “estado de alerta operativa alta en mísiles balísticos”, case todas en mans de Rusia e os Estados Unidos, mais considera que por primeira vez á China entra nesta categoría.

Entre oxivas despregadas e almacenadas, Moscova conta con 4.380, por 3.708 de Washington, mentres que a China ten 500, Francia 290, o Reino Unido 225, a India 172, Paquistán 170, Israel 90 e Corea do Norte 50.

Hans M. Kristensen, investigador do Sipri, detalla que “a China está a ampliar o seu arsenal nuclear máis rápido que ningún outro país”, porén, incide en que “case todos os Estados con armamento nuclear teñen plans” ao respecto.

Washington, á cabeza

O certo é que os Estados Unidos concentran 56% dos 85.000 millóns de euros que alcanzou o gasto mundial en armas nucleares en 2023, máis de catro veces o gasto chinés neste apartado, estima o informe anual da Campaña Internacional para Abolir as Armas Nucleares.