Irán acusa Occidente de "terrorismo económico" tras as novas sancións instigadas polos EUA

O primeiro ministro do Iraq, Shia, e o líder de Irán, Pezeshkian, a cuarta feira. (Foto: Iranian Presidency / ZUMA Press Wi / DPA vía Europa Press)
As medidas están dirixidas ao transporte aéreo.

Despois de que os Estados Unidos, o Reino Unido, Francia e Alemaña anunciaran novas sancións contra Irán, sobre todo no sector do transporte aéreo, pouco despois de que Washington acusara Tehran de subministrar mísiles a Rusia para ser usados en Ucraína, Nasser Kana'ani, voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores, afirmou que “é a continuación da política hostil e de terrorismo económico de Occidente”, recolleu a cuarta feira a axencia ISNA.

Asemade, reclamou que estes países, os principais provedores de armas a Israel, que está a perpetrar un xenocidio en Gaza, deben render contas, cualificando a acusación de propaganda. Tamén Rusia aseverou que estas afirmacións son “infundadas”, incidindo en que teñen todos os medios para continuar coa guerra en Ucraína.

A industria aeronáutica iraniana xa estaba afectada polas sancións coercitivas contra o país, limitando a posibilidade de adquirir repostos ou efectuar mantementos, algo que para o ex titular de Exteriores Mohammad Javad Zarif está relacionado co alto número de mortes en accidentes aéreos.