Israel apraza a tregua de catro días até a sexta feira

Benjamin Netanyahu (Foto: i24).
O eixo do acordo é un intercambio de prisioneiros.

A tregua, adiada. Segundo explicou o goberno israelí, a liberación de 50 dos reféns retidos en territorio palestino "non comezará até a sexta feira". Tzachi Hanegbi, portavoz do Executivo e ministro de Seguridade Nacional de Israel, non explicou os motivos mais asegurou que "as negociacións avanzaban de forma constante".

O Times of Israel sostén que o goberno de Benjamin Netanyahu segue traballando para pulir este intercambio de prisioneiros e reféns coa milicia de Hamás. En concreto, Israel liberará unhas 150 persoas, todas elas mulleres e menores de 19 anos.

Durante a tregua, as autoridades israelís, que se comprometeron a non arrestar nin atacar a ninguén en Gaza, deixarán de sobrevoar a zona sur do enclave e a zona norte durante seis horas ao día. O pacto entre as partes tamén inclúe a entrada dun maior número de convois con axuda humanitaria, comestibles, material médico e combustíbel "en todas as zonas de Gaza sen excepción".

O eixo do acordo é un intercambio de prisioneiros. Nesas 96 horas a organización palestina liberará 50 mulleres e menores de 19 anos das 239 persoas capturadas na operación Diluvio de Al Aqsa o 7 de outubro, ao tempo, Israel liberará 150 mulleres e menores de 19 anos dos seus cárceres. Hamás xa liberou por motivos humanitarios catro persoas desde o comezo da agresión israelí.

Unha vez superados os catro días, Israel sostivo que se estenderá diariamente a tregua coa entrega de dez persoas capturadas en Gaza. Facendo fronte á previsíbel presión internacional sobre o Goberno sionista para que as hostilidades non se reactiven, nunha agresión que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) caracterizan como unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino, o Gabinete de Benjamin Netanyahu fixou en dez días o tempo máximo do alto o fogo.

Antes do 7 de outubro 5.200 persoas palestinas estaban en prisións israelís. Desde esa data foron arrestadas no mínimo 3.000 persoas nas incursións militares en Cisxordania e Xerusalén Leste, ocupadas por Israel.

A Sociedade de Prisioneiros Palestinos estima que máis de 200 crianzas e adolescentes palestinas están en prisións israelís, ao que hai que engadir cando menos 95 mulleres.