Israel bombardea Iemen e mata 1.000 persoas no Líbano na última semana

Barrio de Beirut bombardeado este domingo 29 pola aviación de Israel. (Foto: Europa Press).

Israel escala a guerra ao conxunto de Oriente Medio con ataques a Iemen, Líbano e Gaza.

As forzas aéreas do exército israelí atacaron este domingo 29 de setembro as cidades portuarias de Ras Issa e Hodeidahen no Iemen.

Os voceiros do Goberno sionista sinalaron que ducias de avións, incluídos varios de combate, atacaron plantas de enerxía e un porto marítimo, provocando cortes de electricidade nas dúas cidades.

O comunicado do Executivo de Israel afirma que “durante o último ano, os hutíes estiveron operando baixo a dirección e financiamento de Irán, e en cooperación coas milicias iraquís co fin de atacar ao Estado de Israel, socavar a estabilidade rexional e interromper a liberdade de navegación global”.

O ataque israelí contra Iemen foi condenado polo Goberno de Irán, quen a través do seu ministro de Relacións Exteriores de Irán, Nasser Kanaani, denunciou que os bombardeos ían dirixidos contra obxectivos civís.

Líbano

A aviación de Israel volveu bombardear, tamén, este domingo diversas cidades do Líbano, moi particularmente a capital do país, Beirut. Precisamente, o Goberno dese país recoñeceu que na última semana perderon  a vida polos ataques sionistas máis de 1.000 persoas.

O primeiro ministro libanés, Najib Mikati, sinalou que a diplomacia é a única vía de saída no medio dos ataques israelís sen precedentes contra o Líbano e avogou por buscar solucións ao conflito a través dos foros internacionais.

Non temos outra opción que a diplomacia, desde o inicio pedimos a aplicación completa da resolución 1701 do Consello de Seguridade da ONU, afirmou Mikati, quen asegurou que “o Goberno comprométese a iso”.

Mikati afirmou que “o Líbano ten fe na comunidade internacional, na lexitimidade internacional e na ONU, e non cre na lei do máis forte”.

Gaza

As autoridades da Faixa de Gaza reportaron este domingo os ataques de Israel deixaron catro persoas mortas na cidade de Beit Lahia tras un bombardeo a unha escola.