Israel descarta un alto o fogo no Líbano despois de confirmar aos mediadores que aceptaba o pacto

40.000 combatentes do Eixo da Resistencia desprazáronse ás inmediacións dos Altos do Golán.
A vila de Saksakieh, no sur do Líbano, a quinta feira logo de sufrir un ataque aéreo israelí. (Foto: Str- / DPA vía Europa Press)
photo_camera A vila de Saksakieh, no sur do Líbano, a quinta feira logo de sufrir un ataque aéreo israelí. (Foto: Str- / DPA vía Europa Press)

Na madrugada da quinta feira os Estados Unidos, principal aliado e provedor de armas israelí, comunicaron que o presidente Joe Biden se reunira co seu homólogo francés, Emmanuel Macron, para “asegurar un alto o fogo entre Israel e Hezbolá e evitar unha guerra máis ampla”, e un alto funcionario estadounidense declarou á axencia EFE que Washington estaba a “usar a súa influencia” co réxime israelí para “impulsar as negociacións”.

En paralelo, emitiron unha resolución conxunta canda aliados dos Estados Unidos como a Unión Europea, o Reino Unido, Alemaña, Italia, o Canadá ou o Xapón, e que levaba a rúbrica tamén de Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos e Qatar, países próximos a Washington en Asia Occidental.

O documento reclama un alto o fogo de carácter inmediato que se prolongue 21 días para permitir negociacións que freen a escalada desatada por Israel no Líbano, cuxo primeiro ministro, Najib Mikati, aceptou segundo a axencia AP o pacto, e a Canle 12 sionista comunicou que funcionarios da oficina do primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, lle transmitiran que había “luz verde para o alto o fogo” con Hezbolá.

Nese momento, a oficina do primeiro ministro aclarou que “as novas sobre un alto o fogo non son certas”, subliñando que é unha “proposta franco-estadounidense á que o primeiro ministro nin sequera respondeu”, antes de afirmar que “deu instrucións ás Forzas Armadas para que continuasen os combates con todas as súas forzas”.

“Non haberá alto o fogo no norte”, ratificou o titular de Exteriores, Israel Katz, que se desempeña de forma provisoria como primeiro ministro mentres Netanyahu está fóra do Estado, no marco do seu desprazamento aos Estados Unidos para participar na Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU). Asemade, Qatar informou de que non existía unha mediación “formal”.

De forma paradoxal, un alto diplomático occidental indicou ao xornal The Times of Israel que Netanyahu deu o visto e prace ao alto o fogo de 21 días aos mediadores, antes de mudar de posición ao facerse pública a proposta.

A pesar das esperanzas xurdidas pola posibilidade dun cesamento das hostilidades, “aquí no Líbano non hai confianza nun acordo de alto o fogo”, resolvera con anterioridade Imran Khan, xornalista de Al Jazeera no sur libanés, que debullou que “Hezbolá e os libaneses deixaron claro que non ven os Estados Unidos como un intermediario honesto”.

Desde que o 8 de outubro de 2023 Hezbolá comezou as escaramuzas contra Israel en defensa do pobo palestino en Gaza ante a agresión militar israelí, a organización libanesa asegura que as hostilidades cesarán cando haxa un alto o fogo permanente en Gaza, acordo que Netanyahu bloqueou en múltiples ocasións para garantir a súa supervivencia política, para o que precisa que se estenda o conflito.

Neste sentido, non é previsíbel que Hezbolá ceda e abandone a defensa de Palestina “mentres Israel non faga ningunha concesión na fronte de Gaza”, remarcou Andreas Krieg, profesor do King's College de Londres, e o grupo retou Israel a tratar de invadir o Líbano, algo que a cuarta feira o Exército sionista dixo estar a preparar.

William Lawrence, docente de Ciencias Políticas e Relacións Internacionais da American University, abundou en que “está cada vez máis claro que Israel opera case na súa totalidade sen consultar o Goberno dos Estados Unidos” malia que Biden “dá luz verde retroactivamente a case todo o que fai Israel”, ademais de comprometerse a defendelo.

No plano militar, o xeneral israelí Rafi Milo aseverou ás Alcaldías do norte do Estado que “estamos a facer un importante esforzo ofensivo, con ataques que están a quitar moitas capacidades e medios” a Hezbolá, algo que cuestionou incluso no contexto da censura a prensa israelí, recoñecendo que “a maior parte das capacidades permanecen intactas”.

O certo é que a quinta feira o volume de ataques israelís a áreas civís reduciuse con respecto a xornadas anteriores. Porén, volveu atacar os suburbios do sur de Beirut por cuarta ocasión nunha semana, alegando que o obxectivo era un alto comandante de Hezbolá, que mantivo os lanzamentos contra obxectivos militares israelís. Até o de agora máis de 600 persoas foron asasinadas polos sionistas en territorio libanés.

A forza libanesa está a limitar a súa resposta, sinala Amos Harel, analista militar israelí, segundo explican medios árabes para intentar reducir a escalada mais advertindo das súas capacidades, como amosou o ataque cun mísil á sede do Mossad ou a publicación dun vídeo no que mostra os seus mísiles de longo alcance.

Malia os indicios de que Israel se apresta para unha invasión do Líbano, o xornalista de investigación israelí Meron Rapoport considera que “aínda dúbida” pois “cambiaría as cousas”. Nesa liña, relata que aínda que moitas persoas ven en Israel con “entusiasmo” a ofensiva aínda se manteñen as lembranzas das guerras de 1982 e 2006, nas que Hezbolá acabou por expulsalos.

Sobre esa cuestión, Krieg estima que non é “inminente” posto que “non creo que o Exército israelí estea preparado para abrir unha terceira fronte sobre o terreo” cando xa está “bastante sobrecargado”, e “unha guerra sobre o terreo contra Hezbolá” vai ser “extremadamente difícil”.

Á vez, o Exército israelí observa con preocupación, reitera Haaretz, como 40.000 combatentes de forzas do Eixo da Resistencia do Iraq, o Iemen e Siria se moveron ás inmediacións dos Altos do Golán, un territorio sirio ocupado por Israel, en espera de que Hezbolá reclame que se unan á loita.

Unha forza local que conta con centos de quilómetros de túneles

Se finalmente Israel lanza unha invasión ao Líbano enfrontará “unha forza local dispersa por cidades, vilas e zonas rurais cunha tarefa única e ben entendida: Oporse ás tropas israelís”, narra The Guardian, namentres Reuters destaca en base ao testemuño de “tres fontes familiarizadas coas operacións” de Hezbolá o seu volume de armas, a rede de túneles e a “flexíbel cadea de mando”.

As estimacións estadounidenses cifran o arsenal de Hezbolá en 150.000 proxectís, cos mísiles de longo alcance e maior potencia baixo terra nunha rede de túneles de centos de quilómetros que, a diferenza de Gaza, onde predominan os chans de area, foron escavados en rocha nas montañas, o que os fai “menos accesíbeis que en Gaza e aínda menos fáciles de destruír”, argumenta Andreas Krieg.

Amais, en casos de ruptura na cadea de mando “os combatentes de primeira liña son adestrados para operar en grupos pequenos e independentes compostos por unhas poucas aldeas perto da fronteira”, apunta a axencia, algo chave no enfrontamento de 2006.

Este aspecto é determinante pola campaña de asasinatos dos seus altos cargos emprendida por Israel, así como ataques indiscriminados como as explosións de buscas e outros aparellos electrónicos, que até o ex director da Axencia Central de Intelixencia (CIA) estadounidense, Leon Panneta, cualificou de “terrorismo”. Ese atentado deixou mortos ou incapacitados 1.500 membros da organización fronte aos 100.000 combatentes que afirma ter Hezbolá e aos até 50.000 que sostén Washington. Así e todo, non afectou á súa principal vía de comunicación.

Comentarios