Israel lanza unha agresión militar masiva contra o Líbano e desata a guerra con Hezbolá

Máis de 270 persoas morreron na vaga de bombardeos israelís en territorio libanés.
Ataque israelí á vila de Taibeh, no sur do Líbano, a segunda feira. (Foto: Marwan Naamani / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
photo_camera Ataque israelí á vila de Taibeh, no sur do Líbano, a segunda feira. (Foto: Marwan Naamani / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)

Despois de escalar rapidamente a situación a pasada semana, o réxime israelí desencadeou a segunda feira unha guerra aberta contra Hezbolá ao lanzar máis de 1.100 ataques contra supostos “obxectivos” en todo o territorio do Líbano, e tamén contra un edificio residencial na capital, Beirut.

Un funcionario de seguridade sionista admitiu ao portal Ynet que xa se pode considerar unha “terceira guerra do Líbano”. Ao respecto, o primeiro ministro libanés, Najib Mikati, advertiu que é unha “guerra de exterminio en todos os sentidos da palabra e un plan destrutivo que apunta a destruír vilas e cidades libanesas”, instando a Organización das Nacións Unidas (ONU) e os “países influentes” a “disuadir” os sionistas.

Como mínimo 274 persoas -incluídas 21 crianzas, 39 mulleres e dous médicos- foron asasinadas nos ataques israelís, sinalou o Ministerio de Saúde libanés, que cifrou en máis de 1.000 as feridas e detallou que Israel bombardeou centros médicos, ambulancias e persoas que fuxían dos ataques. 

Os acontecementos sucedéronse nas últimas xornadas. No marco dos intercambios de disparos desde que Hezbolá saíu na defensa da poboación de Gaza perante o xenocidio que está a perpetrar Israel desde outubro, os sionistas incluíron nos obxectivos do xenocidio en Gaza a volta da súa poboación ao norte após ser evacuada polos choques con Hezbolá.

Despois producíronse as explosións masivas de buscas e outros aparellos electrónicos usados polo grupo, atribuídas a Israel e nas que faleceron 37 persoas, entre elas tamén varias crianzas e traballadores sanitarios, e logo Israel arrasou un edificio residencial en Beirut, aducindo que se estaba a producir unha reunión da póla militar de Hezbolá. 54 persoas morreron.

Nese contexto, Hezbolá acusou Israel de declarar a guerra e lanzou o domingo unha primeira represalia de envergadura polos ataques, dirixida contra a base aérea militar de Ramat David, no norte israelí, e contra un complexo da empresa armamentística Rafael. A ofensiva foi contestada por Israel con máis de 60 ataques.

A segunda feira, o primeiro movemento israelí foi unha manobra de “guerra psicolóxica para causar estragos e caos”, sostivo Imad Kreidieh, director xeral do operador de telecomunicacións libanés Ogero, que reportou máis de 80.000 intentos de chamadas de Israel para demandar a poboación que evacuara no sur do Líbano e en Beirut. Tamén foron recibidas mensaxes de texto nas que, como nas chamadas, se repetía que terían que evacuar de vivir en edificios nos que Hezbolá almacena armamento, alertando de “ataques extensos”.

Coincidiu en que se trata dunha operación de guerra psicolóxica Zein Basravi, xornalista da canle Al Jazeera en Xordania, que explicou que as advertencias “pretenden dar a entender aos civís que os seus líderes, as persoas que loitan do seu lado e as persoas que os rodean os están a usar como escudos humanos”, algo que o réxime de apartheid xa fixo en Gaza e Cisxordania.

Non obstante, si que está comprobado como Israel usou na Faixa persoas palestinas de forma sistemática como escudos humanos.

A primeira reacción comunicada por Hezbolá foi o ataque a bases militares e posicións militares no norte de Israel e outro contra o complexo de Rafael. Israel estimou que lanzou máis dun centenar de proxectís.

A operación israelí prodúcese no medio do estancamento do xenocidio en Gaza, no que Hamás e outras organizacións manteñen a resistencia a pesar de que máis de 41.000 persoas foron asasinadas. Á vez, o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, recoñeceu que calculan que apenas a metade das persoas israelís presas en Gaza están vivas, ao tempo que persiste en bloquear un posíbel acordo de alto o fogo.

Tamén chega ao diluírse a xa lixeira presión estadounidense, principal aliado e provedor de armas israelí, a favor dunha tregua a medida que se achegan as eleccións presidenciais de novembro. Amais de brindarlle cobertura diplomática ao xenocidio, Washington tamén ratificou que protexería Israel de lanzar unha nova agresión militar, ao reiterar a pasada semana que confía en que os máis de 40.000 soldados que ten na rexión abonden para defendelo se é preciso, e a segunda feira anunciou que enviará máis tropas.

Hezbolá, ao límite

Pola súa parte, Hezbolá insistiu en que non cesará os ataques até que Israel poña fin ao xenocidio en Gaza, e Irán, o seu principal apoio, busca evitar unha confrontación rexional e un enfrontamento militar cos Estados Unidos. Malia o seu interese en non escalar a situación, subliña International Crisis Group, “pode estar achegándose o punto no que [Hezbolá] decida que só unha resposta masiva pode impedir que Israel leve a cabo máis ataques que o prexudiquen aínda máis”.

Israel chegou a unha etapa con Hezbolá na que esta última só ten unha opción, lanzar todo o que ten”, sostivo Sultan Barakat, docente de políticas públicas na Universidade Hamad Bin Khalifa. “Calquera cousa que non chegue a iso será suicida”. Nesa liña, debulla que, malia as capacidades militares de Hezbolá, “non ten as mans libres” e “está restrinxido a nivel nacional e internacional polos aliados do Líbano, e, o máis importante, por Irán”.

O grupo armado non estatal máis forte do mundo

Hezbolá está considerado o grupo armado non estatal máis poderoso do mundo. Nado en 1982 durante a resistencia libanesa á invasión israelí, o seu líder, Hasan Nasrallah, mantivo con anterioridade que contan con 100.000 combatentes adestrados. Tanto en tamaño como en potencial militar está moi por riba de Hamás. As estimacións máis conservadoras sinalan que conta con 120.000 mísiles que lle permiten atacar en  todo o territorio israelí.

Nese sentido, desde o comezo do xenocidio en Gaza o grupo apuntou repetidamente ao sistema de Intelixencia no norte de Israel, multiplicando as ofensivas a obxectivos como torres de comunicación para degradar paulatinamente a defensa israelí na zona, o que lle permitiu lograr impactos repetidos nos últimos ataques que efectuou.

Porén, máis alá da súa póla armada Hezbolá é fundamentalmente un partido político libanés, integrado na Alianza 8 de Marzo, na que tamén están presentes forzas socialistas e que ostenta a maioría dos escanos no Parlamento.

A coalición é unha peza chave no Gabinete de Najib Mikati, no que Hezbolá dirixe o Ministerio de Traballo e o de Obras Públicas. No ámbito do traballo social, o grupo -considerado terrorista en Occidente- opera hospitais e outros centros sanitarios, escolas ou centros agrícolas.

Comentarios