O réxime de apartheid sionista rouba 32 millóns de euros de impostos palestinos e trata de colapsar a Autoridade Palestina

Persoas palestinas asasinadas por Israel na Faixa de Gaza, a quinta feira. (Foto: Saher Alghorra / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
Israel asasinou máis de 37.000 persoas en Gaza desde outubro.

No marco do xenocidio que está a perpetrar o réxime israelí contra o pobo palestino en Gaza, Bezalel Smotrich, titular de Finanzas do Goberno de extrema dereita israelí, asinou a quinta feira unha orde para entregar 32,4 millóns de euros recadados a nome da Autoridade Palestina (AP) en Cisxordania a familias israelís que rexistraron mortes en operacións da resistencia palestina.

Hai poucas semanas, o Banco Mundial advertiu da posibilidade dun “colapso financeiro” da AP por, entre outros, a suspensión das entregas dos impostos, unha das ameazas de Israel se a Corte Penal Internacional demandaba unha orde de arresto contra os seus líderes.

Ao tempo, a Organización das Nacións Unidas (ONU) publicou o informe no que inclúe Israel na lista de Estados que violan os dereitos das crianzas após verificar 5.698 “violacións graves” só en 2023. Desde outubro dese ano, Israel asasinou máis de 37.000 persoas en Gaza, arredor de 40% delas eran nenas e nenos.

Amais, o organismo estimou que a mediados de xullo máis dun millón de persoas en Gaza enfrontarase á "morte e á fame".