Israel retira o seu equipo negociador en Qatar

Territorios Palestinos, Khan Yunis: palestinos perto do hospital Nasser. (Foto: Mohammed Talatene / dpa)
O Exército israelí atacou máis de 400 obxectivos na Franxa de Gaza desde o fin da tregua con Hamás na madrugada da pasada sexta feira.

Israel anunciou a retirada do seu equipo de negociadores que discutía na capital de Qatar, Doha, a posibilidade de reactivar a tregua con Hamás vixente en Gaza até a pasada sexta feira, tras laiarse de que as conversas pasan  actualmente por  "punto morto” no que respecta ás “circunstancias dos novos intercambios entre reféns e prisioneiros”.

"Debido ao bloqueo nas conversas e por instrucións do primeiro ministro Benjamin Netanyahu, o xefe do Mossad (o servizo de intelixencia exterior de Israel), David Barnea, ordenou ao seu equipo de Doha que regrese a Israel", declarou a Oficina do Primeiro Ministro de Israel nun comunicado recollido polo portal de noticias israelí Walla.

No comunicado, a Oficina acusa ao movemento Hamás de "incumprir a súa parte do acordo" sobre o intercambio de prisioneiros, "que incluía a liberación de todas as mulleres e nenos, presentes  nunha lista que foi enviada a Hamás, e á que Hamás deu a súa aprobación".

 

 

400 obxectivos atacados por Israel

O Exército israelí atacou máis de 400 obxectivos na Franxa de Gaza desde o fin da tregua con Hamás na madrugada da pasada sexta feira; unha nova vaga de bombardeos que se centrou na poboación de Khan Yunis, no sur do enclave, e que segundo as autoridades de Gaza do movemento islamita Hamás deixou xa máis de 200 palestinos mortos e 560 feridos.

Pola súa parte , o Ministerio do Interior de Gaza, tamén de Hamás, denunciou "asaltos concentrados da ocupación israelí na cidade de Al Qarara, ao norte de Khan Younis", e acusou a Israel de destruír tres mesquitas en Khan Younis, xa que así como lanzar ataques contra a costa da cidade.

No que atinxe ao saldo de vítimas, o Ministerio de Sanidade de Gaza calcula actualmente que son uns 200 os palestinos mortos durante os últimos atentados israelís, que tamén deixaron 560 feridos, segundo o balance que recolle a axencia palestina Wafa.

En Cisxordania, fontes locais de Wafa informan de que o exército israelí iniciou operacións matinais nos campos de Balata e Askar, ao sueste de Naplusa, así como en varios barrios ao oeste da cidade.