Izquierda Unida busca "falar" con Sumar para que Asens renuncie e ceda a Manu Pineda o seu escano

O coordinador federal de Izquierda Unida, Antonio Maíllo (Foto: Rocío Ruz / Europa Press).
Sumar obtivo só tres eurodeputados nos comicios do domingo e por tanto o seu principal candidato, Manu Pineda, quedouse sen escano, sendo a primeira vez na historia que Izquierda Unida non consegue representación no Parlamento Europeo.

O coordinador federal de Izquierda Unida, Antonio Maíllo, abriuse a "falar" con Sumar "de maneira fraternal" para que o 'número dous' da coalición de partidos ás eleccións europeas do domingo, Jaume Asens, renuncie e ceda o seu escano no Parlamento Europeo para que Izquierda Unida e o seu principal candidato, Manu Pineda, obteñan representación.

Preguntado nunha entrevista, sobre unha posíbel renuncia do escano por parte de Asens, Maíllo convidou a reflexionar sobre os malos resultados do espazo á esquerda do PSOE nos comicios europeos e a buscar "fórmulas creativas" para que todos os partidos que conforman Sumar poidan sentir "cómodos" para os cinco anos de lexislatura en Bruxelas.

"Creo que haberá que tomar decisións e ese suposto que vostede me expón, pois eu creo que de maneira fraternal haberá que falalo dentro de Sumar con tempo e con reflexión, primeiro de que é o que pasou e, segundo, con toma de medidas fraternais que permitan que todo o mundo nos poidamos sentir cómodos", indicou o dirixente de IU.

Tras destacar a importancia de buscar fórmulas para que participe non só Izquierda Unida, "senón tamén outras organizacións como Más Madrid", Maíllo explicou que o partido que dirixe sufriu "unha gran decepción" mais que non fai política a golpe "dun click en Twitter", senón que debate internamente e reflexiona durante semanas nas súas asembleas e territorios para adoptar unha decisión de maneira repousada.

"Por tanto, présa ningunha. Levamos moito con présas permanentes", proseguiu o político andaluz, abríndose desta maneira para dialogar coa formación que até esta segunda feira lideraba Yolanda Díaz sobre solucións que permitan ao 'número 4' das listas de Sumar e candidato de IU ás europeas, Manu Pineda, obter representación na Eurocámara.

Primeira vez sen representación

Sumar obtivo só tres eurodeputados nos comicios do domingo e por tanto o seu principal candidato, Manu Pineda, quedouse sen escano, sendo a primeira vez na historia que Izquierda Unida non consegue representación no Parlamento Europeo.