Jorge Verstrynge será conselleiro de Podemos para as europeas

Verstrynge e Fraga

O que foi secretario xeral de Alianza Popular despois de Fraga e tamén asesor do Partido Comunista Español (PCE) ficha agora pola organización que lidera Pablo Iglesias ás eleccións europeas. 

 

Jorge Verstrynge é a última incorporación aos círculos de Podemos. Segundo recolle o portal de información español eldiario.es, o que foi secretario xeral de Alianza Popular despois de Manuel Fraga converterase en conselleiro da organización liderada por Pablo Iglesias e mesmo tomará parte nun acto público organizado por Podemos en Madrid. 

"Son xente valente e honesta", asegurou Verstrynge en relación ao movemento político xurdido para os comicios ao Parlamento europeo. Nun comunicado de imprensa o que en tempos tamén fora tamén asesor do Partido Comunista Español (PCE), na época de Francisco Frutos como secretario xeral, asegura que non fará parte das listaxes electorais mais que si participará nalgúns dos actos que a formación organice. 

Nos últimos anos, Verstrynge amosou o seu rexeitamento ao PP e PSOE chegando a tomar parte mesmo nun escracho organizado pola Plataforma de Afectad@s polas Hipotecas (PAH) perante a morada da vice-presidenta do goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría. O que foi deputado nas Cortes españolas entre 1982 e 1989 declarou nas súas memorias --intituladas Memorias de un maldito-- ter iniciado a súa carreira política no seo do neofascismo fracés para, posteriormente, situarse no que el cualifica como nacional-comunismo.

Asemade, dixo sentirse admirador dun dos líderes falanxistas durante a Transición española, o tamén deputado José Antonio Girón.