23-X

Junts e o PSOE coinciden en que as negociacións requiren discreción

Laura Borràs o domingo. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
A investidura de Sánchez, na man do soberanismo após as eleccións estatais que decorreron o pasado domingo.

A presidenta de Junts, Laura Borràs, ratificou a terza feira que “non rebaixará” as condicións para a súa abstención nunha votación de investidura do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, que lle permitiría manter o liderado do Executivo español se o actual presidente en funcións é quen de obter o apoio do resto de forzas soberanistas, ás que as eleccións estatais do domingo deron á chave do Goberno.

Amais da amnistía para as e os líderes independentistas condenados pola organización dun referendo de independencia en 2017, a formación reclama o dereito á autodeterminación de Catalunya. Borràs detallou que as prioridades do partido son recuperar unha “dirección estratéxica” do independentismo, así como “unidade na fronte de Madrid” e unha mesa de negociación co Estado que trate a amnistía e a autodeterminación.

Nese sentido, convidou Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) a “unir forzas” nun grupo parlamentario no Congreso, após non obter ambas as dúas formacións sufraxios suficientes para facelo por si propias.

Borràs fixo fincapé en que “todo o que se quixo negar até o de agora deberá ser abordado” se o PSOE quere o seu apoio, admitindo “contactos postelectorais”. En todo caso, deixou claro que no que atinxe a unhas potenciais negociacións con PSOE e Sumar, que xa nomeou un interlocutor, “farían ben en traballar coa seriedade e a discreción que a situación require”. Pola súa parte, Gonzalo Boye, avogado do ex presidente catalán Carles Puigdemont, exiliado en Bélxica, subliñou que “solucionar o problema político require previamente solucionar o xudicial”, un día despois de que a Fiscalía española reclamara reactivar a orde de detención contra el.

Ao respecto das negociacións que terá que afrontar Sánchez, o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, sinalou que “non se pode construír unha alternativa que sempre dependa dos independentistas sen comezar a falar do problema nacional”. EH Bildu consolidouse nestes comicios como primeira forza en Euskal Herria por diante do Partido Nacionalista Vasco (PNV). Con todo, dixo que votarán a prol da investidura de Sánchez "se fai falta". 

A ministra de Facenda e vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, contestou que aínda que as conversas precisan discreción, só negociarán “no marco constitucional”. Ao chamamento á discreción nos contactos entre as formacións implicadas tamén se engadiu Sumar. 

En paralelo, Alberto Núñez Feixoo, do Partido Popular (PP), insiste en que proseguirá cos contactos con grupos parlamentarios para configurar unha maioría de Goberno, malia que o veto do PNV a negociar a cuestión acabou coas poucas posibilidades que tiña para ser investido presidente.