JxSí e CUP rexistan unha proposta de resolución para declarar a independencia

Pleno do Parlament

Xa é un feito: o bloco soberanista acaba de rexistar a proposta de resolución para declarar a independencia e abrir un proceso constituínte. VOTARÍASE NO PLENO QUE VAI DAR COMEZO ÁS 12 HORAS.

A proposta de resolución rexistada por JxSí e CUP declara a constitución da República catalá como un estado independente e soberano, de dereito, democrático e social e, ao mesmo tempo, dispoñen a entrada en vigor da lei de transitoriedade xurídica e fundacional da República, aprobada no Parlament no pleno dos días 6 e 7 de setembro e declarada inconstitucional polo TC.

 

Por meio desta declaración daría comezo un proceso constituínte, democrático, de base cidadá, transversal, participativo e vinculante e afírmase a vontade de abrir negociacións co estado español, sen condicións previas, visando chegar a un acordo beneficioso para ambas partes e, entre outras cousas, estabelecendo un tratado sobre a dupla nacionalidade.

 

Despexouse a incógnita, por tanto. Si que se vai votar a DUI e vai ser unha declaración formal e moi precisa. Nas últimas horas desde sectores do soberanismo se sustentaba a tese de que non era preciso votar a DUI porque xa o fixera o pobo catalán no referendo de 1 de outubro. Tería bastado simplesmente cunha declaración do president. Mais no núcleo máis próximo a Puigdemont -e co respaldo da CUP- se mantivo até as últimas consecuencias o criterio de que é o Parlament o que se debe responsabilizar no seu conxunto da proclamación da República catalá.

 

Fontes citadas por TV3 indican que a Fiscalía Xeral do Estado podería ordenar a detención de Puigdemont mesmo antes de se reunir o Consello de Ministros exteriores

 

A reacción do Estado será inmediata. Fontes citadas por TV3 afirman que a Fiscalía Xeral do Estado pensa actuar mesmo antes de que se reúna o Consello de Ministros extraordinario para validar definitivamente o artigo 155. A actuación -tal e como xa anunciou días atrás o titular do Ministerio Público, José Manuel Maza- sería a detención de Puigdemont sob a acusación dun delito de rebelión.