O incendio do edificio dos sindicatos en Odesa provoca 38 mortes

@myrevolutionrus

O lume xerouse esta sexta feira durante os enfrontamentos entre tropas ucraínas e rebelde pro-rusos que tiveron lugar nunha xornada de ofensiva das tropas de Kiev no leste de Ucraína. 

 

Un incendio no Edificio dos Sindicatos de Odesa, cidade do leste de Ucraína na que os rebeldes teñen ocupados edificios oficiais, causou 38 mortos, 30 por asfixia e 8 após guindárense polas xanelas para fuxir das lapas. A información foi confirmada pola policía de Odessa e Kiev. O lume produciuse nun día en que a cidade era escenario de enfrontamentos entre tropas ucraínas e rebeldes pro-rusos.

Desde medios como Russia Today apúntase a que a orixe do incendio se debe a militantes da organización de ultra-dereita 'Sector Dereito',  que arrebolaron cócteis molotov contra o edificio. Ningunha axencia ou fonte, alén das rusas, confirma nin desmente esta orixe.

Operación 'anti-terrorista'

Slaviansk, cidade de máis de 120.000 habitantes no leste de Ucraína, está a ser albo esta sexta feira dunha ofensiva do exército ucraíno que Kiev cualifica como de primeiro paso para esmagar a rebelión pro-rusa. A cidade, bastión dos rebeldes, estaría a resistir o embate, segundo corresponsais internacionais na zona, e os milicianos terían abatido 2 helicópteros militares ucraínos.

Na zona sur da urbe, columnas de blindados enfróntase os pro-rusos para intentar abrir unha fenda nas defensas da cidade polas que entrar nos puntos neurálxicos da mesma, en mans dos rebeldes. “Hai mortos e feridos, en número aínda por determinar” recoñeceron fontes do exército ucraíno.

Tensa calma

Foron 10 horas de operación intensa seguidas dunha tensa calma. O propio primeiro ministro ucraíno recoñece ''dificultades'' na operación. Aliás, os enfrontamentos armados estendéronse a outras zonas, como Odesa, onde se rexistraron 3 persoas falecidas.

Os rebeldes ergueron novas barricadas en vías de comunicación e,aliás, tomaron noutras cidades do leste novos edificios oficias. Un exemplo foi a ocupación da estación de tren de Iasunaviata, a 15 Km de Donetsk.

Moscú advirte

Desde Moscú acusan a Kiev de destruír as esperanzas de paz con esta operación militar e advirte das consecuencias prexudicais da mesma.