Kiev comeza con tanques e tropas a ofensiva ''contra os bandidos, invasores e terroristas''

A operación militar arranca na localidade de Kramatorsk para estenderse a outras cidades. Algunhas axencias falan de enfrontamentos e varios falecidos. ''Estamos ao bordo da guerra civil'', recoñece o primeiro ministro ruso.

Horas despois de vencido o ultimato Kiev deu inicio á operación do exército contra os rebeldes federalistas (pro-rusos, como se lles cualifica nos medios) do Leste de Ucraína. Blindados, tropas de asalto, helicópteros de combate... non hai reservas en medios para, en palabras de Vasili Kutov, persoa que dirixe a operación que tildan de 'anti-terrorista', “combater a invasores estranxeiros, bandidos e terroristas”.

O avance do exército diríxese a Kramatorsk e Slaviansk co obxectivo de tomar os edificios gobernamentais ocupados por militantes federalistas. Nas últimas horas, até en 12 cidades e localidades do leste houbo ocupacións de instalacións por persoas partidarias de que Kiev recoñeza o dereito a decidir destas zonas.

Varias axencias indican que hai intercambios de disparos entre soldados ucraínos e milicianos federalistas que terían causados novos mortos, a sumar os 2 desta fin de semana.