Os rebeldes toman novos edificios no leste ucraíno en resposta á intervención de Kiev

O exército ucraíno toma un aeródromo (Kramatorsk) e cerca unha cidade (Slaviansk) nas primeiras horas do que KIev cualifica de "operación anti-terrorista". Os rebeldes responderon tomando novos edificios gobernamentais, como a casa do concello de Donetsk. A OTAN xa anuncio un 'reforzo militar' en Europa oriental.

 

Os rebeldes contrarios ao novo goberno de Kiev non ceden malia intervención do exército e non só manteñen os edificios ocupados senón que mesmo ocupan outros novos. Horas despois de que as forzas armadas de Ucraína comezasen o seu operativo "contra invasores e bandidos" (segundo Vasili Kutov, un dos responsábeis da operación), os rebeldes tomaron o Concello de Donetsk. Ademais, un grupo proclamou no sur a República popular de Odesa. 

O exército de Ucraína tomou nunha operación con helicópteros o aeródromo de Kramatorsk e os seus tanques están nas portes de Salviansk, dúas da ducia de cidades nas que os rebeldes federalistas (pro-rusos) fixéronse fortes.

En Kramatorsk, un xeneral das forzas ucraínas, Gennedi Krutov, dirixiuse á poboación para pedir “calma” e comunicarlles que estaba en marcha unha “operación anti-terrorista”. Segundo a axencia EP, foi apupado por centos de persoas o berro de “Fóra de Donbass” (nome da zona).

Son as primeiras operacións do que Kiev denomina 'operación anti-terrorista' coa que quere “liberar” (en palabras do presidente Alexandr Turchínov) as cidades do leste ucraíno xudos edificios gobernamentais están ocupados. A tensión é alta. O propio presidente ruso, en conversa telefónica, advertiu a Merkel: “Ucraína está ao bordo da guerra civil”.

As cifras sobre mortos e feridos son confusas e mesmo contraditorias. Denis Pushilin, un dos dirixentes da República Popular de Donetsk (RPD) (organismo coordinador dos rebeldes) falaba de vinte falecidos e un número “indeterminado” de feridos. A canle de televisión Rusia 24 cifraba “entre 4 e 11” os mortos. Mais fontes das forzas especiais citadas por axencias negaban que houbese falecidos.

Recebemento hostil

Corresponsais de Reuters e The Guardian din que as tropas ucraínas foron recibidas no leste de Ucraína con hostilidade e mostras de rexeitamento. “Berróuselles: Volvede para casa!”, indican na crónica.

Estados Unidos e a OTAN xa manifestaron o seu apoio á actuación das forzas armadas ucraínas.