Kishida renuncia e o Xapón terá novo primeiro ministro xa embarcado na carreira militar da OTAN

Fumio Kishida, líder nipón, ao anunciara cuarta feira que non optará á reelección. (Foto: Pool / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
O nivel de aprobación do Executivo é mínimo.

“Precisamos amosar á xente que o Partido Liberal Democrático (PDL) está a cambiar”, e para iso “o primeiro paso máis obvio é retirarme”, polo que “non me presentarei ás próximas eleccións á dirección do partido”, comunicou a cuarta feira Fumio Kishida, primeiro ministro do Xapón, Estado membro do G-7 e un aliado fundamental dos Estados Unidos na súa loita pola hexemonía no Indo-Pacífico contra a China.

A súa dimisión á fronte do Executivo farase efectiva en setembro, cando a forza conservadora elixa a persoa que a liderará, e que, grazas ao control das dúas Cámaras da Dieta Nacional (o órgano lexislativo) que ostenta polo pacto asinado coa formación conservadora budista Komeito, posteriormente será designada como primeira ministra antes de conformar un novo Goberno, previsto a comezos de outubro.

Kishida, subliña o docente da Universidade Temple Michael Cucek á axencia Reuters, “foi un home morto durante bastante tempo”, un período no que “quedou claro” que “non tiña forma de conseguir os números para ser reelixido”, polo que o primeiro ministro, que alcanzou o poder en 2021, decidiría non intentar esgotar o seu mandato, que expiraba en 2025, para o que precisaba imporse na carreira polo liderado da formación, que se desenvolve cada tres anos.

O propio Kishida xa chegara ao cargo logo da falida sucesión de Shinzo Abe -asasinado en 2022- en 2020, que levou ao Goberno do seu precedesor, Yoshihide Suga, que durou apenas un ano.

O eixo chave do seu mandato foi unha revisión da política militar en liña coas demandas estadounidenses, abandonando o autoproclamado pacifismo das últimas décadas e fixando como obxectivo duplicar o gasto militar até a contorna de 2% do PIB, en liña coa Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). A nivel internacional Kishida foi unha peza determinante na rede de alianzas que Washington busca estabelecer no Indo-Pacífico, e que derivaron na rúbrica dun pacto de defensa entre o Xapón e Filipinas.

Apoio estadounidense ao PLD

O certo é que a elección como líder do PDL case que garante na política nipoa a elección como primeira ministra. A formación naceu en 1955 da man da fusión do Partido Liberal e o Democrático para frear o ascenso do Partido Socialista, que liderara o Goberno entre 1947 e 1948. A partir dese momento, e segundo constatou o xornal The New York Times, a Axencia Central de Intelixencia (CIA) estadounidense gastou millóns de dólares nas campañas electorais xaponesas para impulsar o apoio ao PLD, que acabou por converter o Xapón nun sistema de partido dominante. Desde 1958, nas primeiras eleccións nas que participou, só abandonou o Executivo entre 1993 e 1994 e entre os anos 2009 e 2012.

Dos nomes destacados pola prensa local para suceder Kishida todos corresponden a persoas que ocupan ou ocuparon algún Ministerio. Ao respecto, unha enquisa da axencia Jiji Press colocou como favorito Shigeru Ishiba, ex secretario xeral do PLD e ex ministro de Defensa. Sexa como for, calquera destas opcións suporía unha continuidade das políticas de Kishida.

Rintaro Nishimura, da empresa de asesoría estratéxica The Asia Group, fixo fincapé en que “é probábel que decorran eleccións xusto despois de que o novo primeiro ministro tome posesión”, aproveitando que “tenden a ter un lixeiro aumento nas cifras das enquisas” e “antes de que xurdan cousas negativas”.

“As cuestións da antiga Igrexa da Unificación, o diñeiro político e as medidas contra a inflación foron dores de cabeza para el, pero estes problemas aínda non foron resoltos”, sinalou Kenta Izumi, que encabeza o progresista Partido Democrático Constitucional (CDP), a principal forza da oposición.

Os tres puntos que indica Izumi desencadearon a caída sostida da aprobación do Executivo desde 2023, e que segundo os oito principais medios de comunicación nipóns fica entre o 15,5% de Jiji Press e o 28% do xornal Nihon Keizai Shimbun a pesar das medidas de Kishida para responder ás protestas da poboación pola perda de poder adquisitivo por mor da inflación, que está por riba dos aumentos salariais, como o restabelecemento das axudas para afrontar as facturas de electricidade e gas durante tres meses.

O último escándalo, e que rematou de afundir a popularidade de Kishida, estoupou a finais de 2023, cando se coñeceu que faccións do PLD non declararan os ingresos pola venda de entradas para eventos da formación, especialmente a que estivera dirixida por Abe, a máis importante do partido, acusada de non declarar máis de tres millóns de euros que nalgúns casos foron usados para pagar subornos. 80 lexisladoras e lexisladores e múltiples ministros víronse obrigados a dimitir, mais sen consecuencias legais para as principais persoas implicadas.

No tocante á Igrexa da Unificación, tamén coñecida como seita Moon, de forte implantación no país e relacionada co PLD e negocios en ámbitos como a construción, alimentos, automóbiles, turismo, medios de comunicación, industria pesada ou armamentística, a crise desatouse tras o asasinato de Abe. O responsábel, Tetsuya Yamagami, atacouno polos seus vínculos coa seita cristiá, á que pertencía a súa nai, forzada polos relixiosos para que doase os seus bens ao grupo.

Até a metade das e dos representantes do PLD no lexislativo tiñan algunha conexión coa seita e a investigación levou á dimisión do titular de Economía, Daishiro Yamagiwa. Aínda que o Executivo solicitou á Xustiza a disolución da seita, estreitamente ligada cos Estados Unidos e que ten o anticomunismo como un dos seus dogmas, a falta de avances pon en cuestión as verdadeiras intencións das autoridades nipoas neste caso.

Unhas eleccións con todo aberto

As últimas sondaxes publicadas -con datos recollidos a comezos de agosto mais antes do 5 deste mes, cando se rexistrou unha forte caída no índice Nikkei que tamén afectou boa parte das principais bolsas do planeta-, a da canle JNN e a da pública NKH, permiten ao PLD aspirar a manterse unha lexislatura máis no Goberno grazas sobre todo á fragmentación da oposición e con menos do 30% dos apoios e case a metade da poboación asegurando que non apoiaría ningún partido, e que no caso de participar nos comicios podería modificar substancialmente o resultado.