Leais de Sánchez comezan a pasarse ao novo bando oficialista

Pilar Cancela e Antonio Hernando, repartindo propaganda do PSOE na campaña das xerais de xuño.

Antonio Hernando foi confirmado pola xestora como portavoz do grupo parlamentar. Non só iso, aínda foi ascendido ao cargo de presidente dos parlamentares do PSOE no Congreso. Ex man direita de Pedro Sánchez, será quen defenda presumibelmente a abstención na investidura de Rajoy.

Desínflase o sector de Pedro Sánchez ao tempo que parece evidente que o PSOE decidirá absterse na investidura de Rajoy e, portanto, evitará así as terceiras eleccións. A xestora que dirixe o partido confirmou esta segunda feira Antonio Hernando como portavoz do grupo parlamentar no Congreso e, en troca, resolveu substituír Óscar López do seu cargo homólogo no Senado. A mensaxe é clarísima: os leais a Sánchez que asuman a nova chefía non serán castigados politicamente, os que se manteñan na rebeldía, si.

Desbotada a vía das terceiras eleccións, e consecuentemente a convocatoria de primarias para a elección dunha nova secretaría xeral, o confronto no interior do PSOE adíase sine die até a realización do congreso extraordinario, para o cal non hai datas. Esa será a nova oportunidade para Sánchez retornar á ponte de mando do partido. Aliás, é probábel que se dá esa batalla o faga con moitos menos efectivos dos que contaba antes da súa demisión forzada no Comité Federal do sábado 1 de outubro.

Neste momento, o debate real no PSOE sería, pois, se se vai a un cenario de abstención de todo o grupo parlamentar -pondo en risco a súa cohesión- ou se se opta por facilitar ao PP a investidura coa entrega de 11 votos

Neutralizado Antonio Hernando -unha figura simbolicamente clave para uns e outros-, o conflito real é co PSC. O partido socialista catalán vive el propio un proceso de primarias e os dous candidatos -Miquel Iceta e Núria Parlon- teñen manifestado que en ningún caso os seus parlamentares en Madrid participarán na abstención que viabilice a investidura de Rajoy.

Tal e como está o partido, sería un suicidio rachar co PSC -aínda así, rebrotan voces partidarias do cisma e de criar a federación catalá do PSOE-, o cal contribúe a alimentar a tese de que finalmente o Comité Federal acordará unha abstención limitada a 11 parlamentares, os que precisa Rajoy para obter a investidura. Iso permitiría ao PSC manter a súa promesa de que non vota a continuidade do líder da Moncloa.

Neste momento, o debate real no PSOE sería, pois, se se vai a un cenario de abstención de todo o grupo parlamentar -pondo en risco a súa cohesión- ou se se opta por facilitar ao PP a investidura coa entrega de 11 votos "nen si nen non" a Rajoy para desbloquear a situación política no Estado e dar comezo materialmente á lexislatura.

No PSdeG avanzan tamén as posicións neo-oficialistas e fontes do partido admiten que os 6 escanos do grupo parlamentar eleitos na Galiza asumirán en bloco as directrices do novo Comité Federal. Un deles pertence á presidenta da xestora, Pilar Cancela, a última leal a Sánchez.