Sheinbaum quere estender a 'IV Transformación' comezada por López Obrador

No último sexenio o poder adquisitivo da poboación mexicana aumentou máis do dobre.
Andrés Manuel López Obrador. (Foto: Goberno de México)
photo_camera Andrés Manuel López Obrador. (Foto: Goberno de México)

O presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, do progresista Movemento de Rexeneración Nacional (Morena), deu a sexta feira a súa penúltima mañanera. Esta rolda de prensa, que brindou case todos os días laborábeis dos últimos seis anos ás 7 horas da mañá (15 horas na Galiza), marcaron no seu sexenio a actualidade mexicana, permitíndolle dirixirse directamente á poboación para que os medios tradicionais “non poidan manipular”, asegurou.

Nun caso paradoxal no continente, abandona a Presidencia co apoio de 77% da poboación, segundo reflectiu esta semana unha sondaxe da empresa demoscópica Enkoll. Un aval popular que tamén recibe a 'Cuarta Transformación', o proxecto político iniciado durante a súa lexislatura e sobre o que a presidenta electa, a súa compañeira de formación Claudia Sheinbaum, prometeu edificar o “segundo piso”.

O mandatario compara este proceso en importancia coas tres transformacións anteriores: A guerra de Independencia do Estado español; a de Reforma, da que derivou a separación entre Igrexa e Estado, e a Revolución, na que un movemento liderado por Emiliano Zapata acabou coa ditadura de Porfirio Díaz, levando á Constitución de 1917, aínda en vigor.

A 'Cuarta Transformación' comprende unha serie de políticas para revitalizar as institucións, buscando a independencia real dos poderes federais, e resolver as desigualdades xeradas polo sistema económico, colocando as clases populares en primeiro plano e coa loita contra a corrupción e a impunidade como eixos transversais.

Neste sentido, propugna incrementar o papel do Estado na dirección de sectores como o económico, acabar coa pobreza e garantir unha distribución equitativa dos ingresos para crear unha sociedade máis igualitaria e libre por medio da xustiza social e cun forte incremento do gasto dedicado a ela, prestando especial atención aos pobos indíxenas. Todo isto sen superar o capitalismo mais acabando co modelo neoliberal que imperara nas décadas anteriores e que o presidente declarou morto.

O certo é que cinco millóns de persoas saíron da pobreza no país durante o seu mandato, a baixada máis importante nos últimos 16 anos, mais arredor de 35% aínda sofren esta lacra. Nestes seis anos o poder adquisitivo da poboación aumentou máis do dobre, cando levaba máis de tres décadas estancado, ao impulsar unha alza do salario mínimo de case 120% por riba da inflación. Nese tempo o ingreso laboral medio medrou 24% máis que a inflación, e o paro está por baixo de 3%.

Tamén impulsou reformas laborais como a que duplicou os días de vacacións pagadas de seis a 12, a que prohibe as contratacións precarias ou a que veta que os empresarios forcen as persoas traballadoras a estar de pé toda a xornada laboral, combinado cunha política de evitar gastos superfluos que define de “austeridade republicana”. Ao tempo, o peso mexicano é cada vez máis forte, alcanzando niveis en relación ao dólar estadounidense de hai unha década.

O seu último éxito foi a aprobación da reforma constitucional da Xustiza, que dá paso a un sistema inédito no que xuíces e xuízas serán elixidas a través de eleccións, após bloquear o Supremo Tribunal, que o presidente considera "corrupto", varias das súas iniciativas.

A nivel internacional mantivo unha posición antiimperialista e baseada no respecto á soberanía de cada Estado e á de México, enfrontándose a Washington despois de intentar inxerir na aprobación da reforma xudicial ou a Madrid após ignorar a petición de desculpas polos crimes cometidos durante a colonización do territorio. Isto último desencadeou en que o rei español, Felipe VI, non fose convidado á investidura de Sheinbaum, polo que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez decidiu non enviar representación.

Delegación galega

Á capital mexicana prevén desprazarse o sábado a portavoz nacional do BNG e líder da oposición na Galiza, Ana Pontón, e a eurodeputada da formación, Ana Miranda, para participar na terza feira na toma de posesión da primeira muller á fronte de México após o convite efectuado por Morena.

Alí manterán xuntanzas coa comunidade galega emigrada, entre ela a familia do membro das Mocedades Galeguistas Elixio Rodríguez. Tamén estarán nun encontro coa directiva e socias e socios da Asociación de Empresarios Galegos en México para analizar as relacións económicas bilaterais. No ámbito político reuniranse con Citlalli Hernández, secretaria xeral de Morena en funcións, senadora e quen dirixirá a Secretaría das Mulleres no Goberno federal, amais de xuntarse con membros da dirección do Partido do Traballo.

Á parte do BNG, do Estado español só asistirán á xura EH Bildu, por medio do deputado estatal Jon Iñarritu; Sumar, co membro da Mesa do Congreso Gerardo Pisarello e a ex alcaldesa de Barcelona Ada Colau, e Podemos, que envía o seu voceiro parlamentario, Javier Sánchez Serna. Ademais destas forzas tamén apoiou a decisión mexicana de non convidar Felipe VI Esquerra Republicana de Catalunya, que por cuestións de axenda non estará presente.

Unha maior aposta polo medio que o seu predecesor 

Malia que Claudia Sheinbaum desenvolveu toda a súa carreira política con Andrés Manuel López Obrador e a continuidade na 'Cuarta Transformación' prevese que será o eixo do seu mandato, conta cun perfil propio, máis técnico, e un estilo de goberno que pivota arredor da eficacia na xestión, como demostrou á fronte da Cidade de México.

Como amosan as súas propostas durante a campaña, tamén ten unha maior vertente ambiental e defende converter o balance hídrico das bacías mexicanas nunha "aspiración nacional". E salienta igualmente a loita contra a violencia de xénero e o reforzo dos servizos públicos, incluíndo entre as tarefas das escolas o coidado da saúde infantil.

Seminario internacional

Asemade, o sábado remata na Cidade de México o XXVIII Seminario Internacional do Partido do Traballo, aliado de Morena. No evento, que aborda o papel que ten que ter o Sur Global no novo mundo multipolar, participan arredor de 600 persoas de organizacións internacionais, embaixadas ou Ministerios do continente. A única forza da Galiza —e do Estado español— que participa é a Unión do Povo Galego (UPG), representada no país americano por Duarte Correa, secretario de Relacións Internacionais.

Comentarios