Os lumes deixan dúas mortes en Portugal, que pide axuda á UE tras detectar 36 incendios simultáneos

Aveiro, onte. (Foto: Sara Lopes)
As lapas causan cortes de estradas e suspensións de liñas de autobús.

Á hora do feche desta edición as autoridades portuguesas confirmaran dous decesos no marco da vaga de incendios que desde o domingo se desatou no norte e centro do país.

O dun traballador brasileiro que resultou carbonizado cando trataba de recuperar maquinaria dunha área incendiada e o dun bombeiro. Catro persoas foron atendidas ademais por feridas de diversa gravidade.

Ao mediodía estaban activos até 36 lumes, o que levou o Goberno que dirixe Luís Montenegro a demandar axuda á Unión Europea (UE), que mobilizou oito avións anti incendios procedentes do Estado español, Italia, Francia e Grecia.

Perante o avance dos incendios foron cortadas tres autoestradas e como pouco cinco estradas adicionais, así como suspendidas 92 viaxes de autobús, con outras 37 afectadas.

Aveiro foi unha das áreas máis afectadas polo lume. O presidente da Câmara Municipal, Ribau Esteves, criticou na canle RTP3 que cando menos unha empresa “non fixo o seu traballo” á hora de limpar o terreo, mais rexeitou falar polo de agora de “neglixencia”, incidindo ao tempo na falta de medios para combater os incendios.

Pola tarde aínda había cinco lumes activos no distrito de Aveiro, con máis de 1.100 integrantes de equipos de emerxencia nos tres principais, o de Oliveira de Azeméis, Albergaria-a-Velha e Sever do Vouga. Nestas dúas últimas localizacións é onde se produciron as mortes.

Tamén o alcalde de Baião (distrito do Porto), Paulo Pereira, cuestionou a falta de medios, advertindo da expansión das lapas cara a áreas boscosas de alto valor. Xa en Coimbra, a Escola Básica do 2º e 3º ciclos de Ceira tivo que ser evacuada.