Maduro reivindica a "soberanía" de Venezuela e replica a Lula e Petro: "Eu non practico a diplomacia de micrófono"

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, en rolda de prensa. (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA vía Europa Press)
Tanto o Goberno de Venezuela como a oposición desbotan a posibilidade de acudir de novo ás urnas.

Tanto o Executivo de Nicolás Maduro como a oposición liderada por Edmundo González e María Corina Machado rexeitan a proposta do presidente brasileiro, Lula da Silva, de repetir as eleccións en Venezuela. Tampouco valora ningunha das partes a posibilidade de artellar un Goberno de coalición que deslizara o mandatario colombiano, Gustavo Petro.

"Os conflitos que hai en Venezuela, de calquera característica, resólvense entre os venezolanos, coas súas institucións, coa súa lei e coa súa Constitución", respondeu con rotundidade Maduro, ao ser preguntado polos medios na tarde desta quinta feira. O actual dirixente reivindicou a "soberanía" do seu país e a "capacidade" das súas institucións para superar calquera disputa.

No caso concreto de Colombia, asegurou que se veñen "reconstruíndo con moita dedicación" as relacións diplomáticas. "Nós [Maduro e Petro] falamos en privado moitos temas sempre, chamámonos por teléfono e falamos de moitos temas, pero eu xamais practicaría con Colombia a diplomacia de micrófono", dixo, a respecto das últimas manifestacións do presidente colombiano.

A postura de Biden

Esta quinta feira o presidente dos EUA, Joe Biden, trasladou publicamente o seu apoio a unha eventual repetición dos comicios en Venezuela cando lle trasladaron a cuestión os medios de comunicación. Porén, portavoces do seu Goberno saíron de inmediato a desmentilo afirmando que o dirixente non entendera ben a pregunta.

A oposición, en contra da repetición electoral

A opción de chamar de novo a cidadanía as urnas foi rexeitada de plano igualmente polas forzas da oposición. "Se imos a unha segunda elección e non lle gusta o resultado a Maduro, que facemos, imos a unha terceira, e despois a unha cuarta ou unha quinta?", replicou María Corina Machado.