Mafalda terá unha serie en Netflix

Persdonaxes de mafalda con Quino, o seu creador. (Foto: Europa Press)

O director arxentino Juan José Campanella, gañador dun Oscar, será o encargado de dirixir e producir este proxecto.

Netflix anunciou que está a preparar unha serie de animación co famoso personaxe creado por Quino, que protagonizou centos e centos de bandas deseñadas entre 1964 e 1973.

O director Juan José Campanella será o encargado de dirixir e producir este proxecto, que aínda non ten data de estrea.

Polo momento, a plataforma publicou un tráiler no que se ve o planeta Terra mentres soa a música solemne de ‘Así falou Zaratustra’, de Richard Strauss, inmortalizada no cine por Stanley Kubrick na película 2001, unha odisea espacial. No canto dun monolito, porén, o que aparece detrás do globo é o cabelo inconfundíbel de Mafalda, preludio seguro de preguntas incómodas e reflexións irónicas.

Un dedo, ademais, altera a rotación da Terra e dá volta ao revés a súa presentación habitual, de modo que o sur –polo tanto, Arxentina– é o país que segue sendo máis visíbel.

Non será a primeira vez que o personaxe se move, pero é o intento máis ambicioso.

Mafalda xa aparecera en cincuenta curtametraxes de entre un e catro minutos, rodadas a principios dos 70, dirixidas por Jorge Martin, coñecido como Catú.

A serie foi posteriormente reconvertida nunha longametraxe, estreada nos cines en 1982.