Máis dun millón de médicas e médicos indios van á folga para exixir protección no traballo

Imaxe difundida a sexta dunha protesta médica na India. (Foto: AnupamConnects)
Unha doutora foi violada e asasinada en Calcuta.

Despois de iniciar a segunda feira unha folga en hospitais dependentes do Goberno e nas cirurxías electivas, máis dun millón de médicas e médicos indios desenvolverán o sábado unha folga en todos os servizos hospitalarios do país, agás as emerxencias, no marco das demandas de protección logo de que a semana pasada unha doutora fora violada e asasinada nun hospital en Calcuta, no leste do país.

“50% das médicas son mulleres, 90% do persoal de enfermaría son mulleres, queremos que o Executivo [conservador] asuma a responsabilidade de garantir a súa seguridade declarando os hospitais como áreas protexidas [con medidas de seguridade especiais], como os aeroportos e os tribunais”, transmitiu Johnrose Jayalal, presidente da Asociación Médica India.

As protestas que acompañan a folga están a ser reprimidas polas autoridades. No Estado de Bengala Occidental, cuxa capital é Calcuta, máis de 1.500 persoas manifestantes foron detidas a sexta feira, reportou a axencia Reuters, acusadas de perturbar o transporte público.