Máis un mozo negro morto pola Policía, máis unha vez en Missouri, máis unha vez revoltas

Vonderrit Myers (18 anos) faleceu após recibir 17 disparos dun policía branco en Saint Louis. Familia do mozo afirma que estaba desarmado.

 

Apenas dous meses despois da vaga de protestos e revoltas que deixou en Missouri o asasinato do mozo afro-americano Michale Brown a tiros por policías brancos, este estado dos EUA volveu ser escenario dunha nova morte dun mozo negro por axentes brancos da Policía. E volveron os protestos.

Vonderrit Myers (18 anos) morreu tras recibir 17 disparos dun policía branco a pasada quinta feira. O delegado de xustiza informou que o policía estaba a traballar durante o seu día de descanso como garda dunha empresa privada. Foi aí cando perseguiu un descoñecido que tería, sinalan, disparado 3 tiros contra el durante a súa fuxida após provocar un sinistro de tráfico.

A familia nega esa versión, apela a testemuñas que sinalaron que o mozo non levaba pistola ningunha senón que portaba na man “un sandwich”. A nai do mozo asegura que “a policía mente agora igual que mentiu cando o de Michael Brown”. Varios centos de persoas cocnentráronse esta fin de semana en rexeite ao “asasinato” e con faixas e palabras de orde contra a policía.

O sitio dos feitos, Sant Louis, está a 25 km de Ferguson, onde en agosto un axente branco disparara, matándoo, a un mozo afroamericano.