Marea vermella inunda Caracas

Multitudinaria mobilización a prol de Chávez en Caracas

Militantes e simpatizantes do PSUV enchen as rúas da capital venezolana en apoio ao candidato Hugo Chávez.

O presidente venezolano que opta a ser reelixido nos comicios do vindeiro domingo, sacou músculo no peche de campaña mobilizando milleiros de persoas na capital do país. A Avenida Bolívar --unha das principais arterias da cidade-- e as vías de acceso a esta, rebordaron cos berros de apoio ao candidato ás presidenciais, nun acto que superou o do candidato da oposición, Henrique Capriles.

Cun discurso patriótico e de esquerda, Chávez chamou o pobo venezolano a fortalecer o camiño "do amor e a unión en defensa da patria", arredándose das acusacións que Capriles lanzaba nun último intento por deslexitimar o goberno chavista na recta final cara aos comicios presidenciais. Mesmo apelou o líder bolivariano á loita dos "primeiros patriotas" contra o colonialismo español para exhortar o pobo a continuar adiante co camiño trazado en 1999, ano en que Hugo Chávez chegou á presidencia de Venezuela.

Chávez: "Non imos permitir que volvan aniquilar o noso país"

"Somos os fillos das columnas guerrilleiras. Somos os fillos de 500 anos de batalla e de loita pola liberación", berrou o candidato no seu discurso final entrementres apelaba á resistencia aborixe, indíxena e negra contra o xugo do imperio español. Así, Chávez chamou o pobo a non "permitir que volvan aniquilar ao noso país", asegurou ao tempo que puña en valor os logros de trece anos de goberno. "Baixamos o desemprego do 20% ao 7%", aseverou Chávez no seu discurso, promentendo garantir o pleno emprego nos vindeiros seis anos.

Aliás, o líder do PSUV emprazou todo o pobo venezolano a votar o vindeiro día 7 e a traballar como "formiguiñas para que non fique ninguen sen votar" na procura de "esmagar", dixo, calquera intento de atacar a democracia.