México "xa non é unha colonia de ningún país", lembra a España López Obrador

Claudia Sheinbaum, candidata da coalición Sigamos Facendo Historia, conformada por Morena, o Partido do Traballo e o Verde Ecoloxista. (Foto: Europa Press / Contacto / Luis Barron).
BNG, EH Bildu, Sumar e Podemos estarán na xura de Sheinbaum.

A presidenta electa mexicana, a progresista Claudia Sheinbaum, está a “deixar de manifesto que México xa non é unha colonia de ningún país estranxeiro e que se debe de respectar”, pois as elites españolas “estaban moi mal acostumadas” e no período neoliberal “viñan facer o seu agosto”, considerando o país “como terra de conquista”, subliñou a quinta feira o actual mandatario, Andrés Manuel López Obrador, que comparte militancia con Sheinbaum no Movemento de Rexeneración Nacional (Morena).

As declaracións do líder americano producíronse no marco da polémica co Estado español, que rexeitou enviar representación á toma de posesión da que será a primeira muller á fronte do país o 1 de outubro logo de que decidira non convidar á xura o rei español, Felipe VI, por non responder a unha misiva enviada en 2019 por López Obrador na que demandaba desculpas polos crimes cometidos durante a conquista.

O seu homólogo español, Pedro Sánchez, sostivo que é “inaceptábel” que se exclúa o monarca.

Felipe VI xa protagonizou unha polémica con Colombia en 2022 ao ser a única autoridade convidada á investidura do progresista Gustavo Petro que non se ergueu como mostra de respecto perante o paso da espada de Simón Bolívar, un dos liberadores no continente do xugo español.

Ana Pontón asistirá á investidura

Pola súa parte, o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso español, Néstor Rego, mantivo que a posición mexicana é “razoábel”, criticando que a Coroa non se desculpara pola súa “responsabilidade histórica”.

Ademais de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, tamén EH Bildu, Sumar e Podemos confirmaron a asistencia á investidura.