Migración e igualdade tensan o Goberno español
A saúde do Executivo de coalición no Estado español entre o Partido Socialista e Unidas Podemos foi analizada onte na primeira reunión da comisión permanente de seguimento do acordo de Goberno, após 38 días de chegaren á Moncloa. No PSOE e UP salientan a súa boa sintonía a pesar das tensións políticas entre carteiras que axitaron a convivencia durante estes dous últimos días e que postulan a formación encabezada por Pablo Iglesias ante contradicións de calado co seu programa.
A liña en materia de migración do Ministerio de Exteriores de Fernando Grande-Marlaska (PSOE) e o bloqueo que o Ministerio de Xustiza, tamén do Partido Socialista, exerceu estes días sobre a lei de igualdade de Irene Montero (UP), segundo fontes de Podemos, son os principais escollos que se ergueron até o de agora na travesía da coalición.
As "discrepancias" entre as dúas forzas do Goberno son unha realidade, admitiron onte desde UP tanto o presidente do grupo parlamentar no Congreso dos Deputados, Jaume Asens, como a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.
Manter "discreción" e "non dramatizar", polo ben do Goberno de coalición, son as premisas que Asens marcou para atallar as discrepancias e recoñeceu que é normal que aparezan diferenzas ao iniciar a lexislatura debido a que ambas as forzas veñen de "traxectorias políticas diferentes", ao tempo que aseverou que non se trata de "obstáculos graves" e augurou que serán solucionados.
A reunión da comisión foi capitaneada por Adriana Lastra polo PSOE e Pablo Echenique por Podemos e nace a partir do acordo de Goberno para manter un un seguimento do funcionamento da coalición, o "cumprimento dos obxectivos", coordinar a "acción entre ambos os socios", "unificar criterios, consensuar posicións políticas para o desenvolvemento do programa” e resolver "as discrepancias que poidan xurdir no ámbito do Goberno de coalición".
Acusan a Xustiza de bloquear a lei de Igualdade
A lei integral de liberdade sexual elaborada desde o Ministerio de Igualdade de Irene Montero atopábase bloqueada, segundo transcendeu onte á mañá, polo Ministerio de Xustiza. Fontes do equipo negociador de UP informaron a Europa Press de que Xustiza se estaba a negar a dar o seu visto e prace á lei alegando cuestións xenéricas de procedemento. Ademais, esas fontes sinalaron diferenzas con Xustiza, á hora de mudar o Código penal. Mentres Podemos prefire mudalo xa coa reforma que implica a lei de liberdade sexual, así como mudar o delito de sedición no Código, no PSOE prefiren afrontar a reforma penal de maneira global e non por partes.
Finalmente, e tan só cinco minutos após rematar onte ao mediodía a comisión permanente de seguimento do acordo de coalición, a Secretaría de Estado de Comunicación emitiu unha nota de prensa confirmando que a lei irá ao Consello de Ministras antes do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. "A lei de liberdade sexual ten un consenso total no Goberno de coalición", sinala o comunicado, e engade que a norma é "un proxecto lexislativo ilusionante, que estará listo nos prazos previsto e enviará unha mensaxe clara de compromiso do Goberno coa igualdade" diante a data do 8-M.
Podemos quere "manter a discrecióN" e "non dramatizar"
Desde o Ministerio Xustiza tamén reaccionaron onte e desmentiron o bloqueo, xustificando que os tempos empregados son os mesmos que afectan a calquera norma que toque varios ministerios.
A lei de liberdade sexual procura equiparar a violencia sexual á de xénero, polo que as mulleres que sofren agresión sexual e/ou acoso terán acceso aos mesmos recursos que as mulleres vítimas de violencia machista a mans das súas parellas ou ex parellas. Estes delitos, que se tratan en xulgados ordinarios, pasarán pois a salas especializadas.
A aprobación da lei supón tamén incluír unha mudanza no Código Penal sobre o consentimento sexual para que "só si sexa si".
As tensións PSOE-UP en política migratoria
Salvado o roce con Xustiza pola lei de liberdade sexual, o centro das tensións recae agora no Ministerio de Interior e os plans que en materia migratoria quere impulsar Fernando Grande-Marlaska coa lei de asilo que está preparando e que entrevé o endurecemento das condicións para pedir protección no Estado español por parte de persoas migrantes. En Podemes tampouco gustou a reacción e acatamento que Marlaska fixo da sentenza que a pasada quinta feira, 13 de febreiro, emitiu o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) davalando as denominadas "devolucións en quente" que fan as forzas policiais españolas na fronteira de Ceuta e Melilla.
Marlaska asegurou que "hai unha cuestión moi clara que vén manifestar que a violencia é un límite ao exercicio dos dereitos fundamentais". Estas palabras foron criticadas desde a esquerda por deitar unha acusación de exercicio de violencia por parte das persoas migrantes cando sobrepasan o valado fronteirizo.
Desde UP avisaron o PSOE que "apostar por endurecer as penas" contras as persoas que foxen doutros países para sobrevivir "é contrario ao que figura no acordo de Goberno”.