Marrocos, Mauritania e Tunisia abandonan persoas migrantes no deserto do Sáhara con fondos da UE

Persoas migrantes expulsadas ao deserto en Libia en 2023. (Foto: Hamza Turkia / Xinhua News / Contactophoto)
Decenas de milleiros de persoas son detidas e sofren o abandono anualmente.

Unha investigación de Lighthouse Reports en colaboración con medios como The Washington Post, Der Spiegel ou El País, difundida a terza feira, desvela como a Unión Europea (UE) “apoia, financia e participa directamente en operacións clandestinas” para “arroxar cada ano decenas de milleiros de persoas negras ao deserto ou a zonas remotas para impedirlles chegar á UE”.

Os países detrás destas prácticas, que “se aplican de forma sistemática case en exclusiva contra persoas negras”, Marrocos, Mauritania e Tunisia, recibiron entre 2015 e 2021 máis de 400 millóns de euros do bloque comunitario para frear a chegada de migrantes a Bruxelas, que busca intensificar a externalización da xestión migratoria.

As vítimas son desde persoas refuxiadas que estaban camiño á UE até migrantes que tiñan un status legal e residían nestes países. Nalgúns casos foron abandonadas en zonas desérticas “sen asistencia, auga nin comida, deixándoas en risco de secuestro, extorsión, tortura, violencia sexual” ou a morte. Noutros casos, son vendidas a traficantes de persoas e a bandas para que pidan rescate.