Milei vetará a suba das pensións aprobada polo Congreso, a súa terceira derrota parlamentaria

Javier Milei. (Foto: Tomas Tkacik/ Europa Press / Contacto)
As dúas Cámaras lexislativas poden forzar a promulgación.

Na terceira derrota no lexislativo do presidente de ultradereita arxentino, Javier Milei, en 48 horas, o Senado ratificou na madrugada da sexta feira a norma aprobada pola Cámara de Deputados que eleva 8,1% as xubilacións, afectadas pola perda de máis de 30% do poder adquisitivo da poboación desde a chegada ao poder de Milei e a implementación de políticas neoliberais extremas.

Porén, e malia a ampla maioría pola que foi aprobada nas dúas Cámaras, Milei anunciou que vetará a lexislación, acusando o Congreso dun “acto de populismo demagóxico” que “estabelece gastos exorbitantes”.

Tamén insistiu en que a norma busca “destruír” o programa económico do Executivo posto que “implica un gasto adicional de 1,2% do produto interior bruto (PIB)”, un indicador que caeu cinco puntos desde que Milei alcanzou a Casa Rosada.

Con anterioridade, a extrema dereita perdera a Presidencia da comisión parlamentaria de Intelixencia e viu rexeitado pola Cámara Baixa un decreto para outorgar en gastos reservados case 95 millóns de euros á Secretaría de Intelixencia do Estado (SIDE). Prevese que o Senado tamén rexeite o decreto, invalidándoo definitivamente.

Superar o veto

Despois de confirmarse o veto de Milei ábrese unha nova pugna, pois as dúas Cámaras poden invalidalo se volven aprobar o texto cunha maioría de dous terzos, forzando o mandatario a sancionalo.

Así e todo, incluso nese caso Milei podería impedir a súa promulgación bloqueando a súa publicación no Boletín Oficial, unha decisión de carácter inconstitucional mais que frearía a entrada en vigor da norma.