Mitt Romney busca o voto xudeu
Na súa visita a Israel o candidato republicano, Mitt Romney, mantivo as posicións tradicionais de calquera candidato á Casa Branca e defendeu os intereses israelís tanto nos territorios palestinos como na rexión. A existencia dun importante lobbie xudeu nos EUA, con influencia entre o electorado, leva en campaña electoral os candidatos á presidencia de xira por Israel na procura de se amosaren "máis sionistas que nunca".
Mitt Romney reuniuse co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu e asegurou, segundo os seus asesores, a súa intención de apoiar Israel se decidise empregar a forza co obxectivo de deter o suposto programa militar de Irán. Os EUA, tradicional aliado exterior de Israel, manteñen unha estreita relación diplomática, económica e militar co estado sionista. O candidato mesmo dixo recoñecer Xerusalén como a súa capital lexítima.
As autoridades palestinas acusan a Romney de "espallar o extremismo, a violencia e o odio", pois as súas declaracións "premian a ocupación e a agresión" promovidas por Israel desde a súa creación como estado en 1948. Segundo o secretario xeral da Organización para a liberación de Palestina, os estadounidenses deben deixar de procurar o voto xudeu en detrimento dos "dereitos do pobo palestino".