A mobilización da comunidade latina no voto antecipado indicaría que Clinton vai por diante

Early vote

O voto antecipado da comunidade latina está a experimentar un importante incremento nas vésperas do 8N. En Florida, o Estado chave, o aumento alcanza o 75 por cento a respeito de 2012. Nos EUA existe a posibilidade de emitir o sufraxio antes do día das eleccións, por correo, mais tamén en urna.

Até o domingo votaron 6,2 millóns de persoas de forma antecipada no Estado de Florida, 1 millón dos cales son latinos. Esta mobilización, que tamén se está a dar no resto de Estados dubidosos entre Clinton e Trump, podería acabar por desequilibrar a carreira a prol da candidata demócrata.

O 8N teñen direito de voto 27 millóns de hispanos, unha cifra que representa un forte incremento do 26 por cento a respeito de 2012.

A grande maioría do voto latino irá a Clinton non tanto por simpatía pola líder demócrata, senón por rexeitamento das posicións xenófobas do candidato republicano.

En 2012 só o 48 por cento da comunidade latina inscrita para votar foi finalmente ás urnas, face o 64 por cento das persoas brancas. Se a percentaxe de sufraxio hispano se incrementa substancialmente como indicaría o voto antecipado, as opcións de Trump de dar a surpresa serían case nulas.

A incógnita reside no grao de mobilización final da comunidade afro-americana, que dificilmente poderá rexistar as cifras de participación de 2008 e 2012, con Obama como grande reclamo do Partido Demócrata.