Montenegro, nomeado primeiro ministro polo presidente luso
Na madrugada da quinta feira, antes de que foran publicados os resultados íntegros das votacións da emigración, que repartiron os últimos catro escanos pendentes de asignar na Assembleia da República, o presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa (Partido Social Democrata, PSD) designou Luís Montenegro, que encabeza a formación conservadora e a Aliança Democrática (AD, coalición que inclúe o PSD, CDS-Partido Popular e Partido Popular Monárquico) como novo primeiro ministro de Portugal.
Rebelo de Sousa salientou na comunicación que a AD venceu en votos e asentos, así como que Pedro Nuno Santos, secretario xeral do Partido Socialista (PS), confirmou que asumirá o liderado da oposición.
Finalmente, o Chega fíxose con dous dos catro postos en xogo na diáspora, polo que ostentará 50 dos 230 membros do lexislativo, mentres que a AD e o PS sumaron un cada un, ficando definitivamente con 80 e 78 parlamentarias e parlamentarios respectivamente. Así e todo, tanto PSD como PS terán os mesmos escanos, desempatando os dous do CDS.
Os resultados no exterior confirmaron que Augusto Santos Silva (PS), até o de agora presidente da Assembleia, non foi quen de manter o seu escano. A persoa que o substituirá será elixida a vindeira semana, cando se reúna por primeira vez a nova composición do Hemiciclo emanada das eleccións do 10 de marzo.
A axencia Lusa citou fontes parlamentarias de PS e PSD para anunciar que agardan que o sábado sexan publicados os resultados oficiais. A Constitución portuguesa sinala que tres días despois se ten que convocar unha sesión parlamentaria para dar inicio á lexislatura, nunha xuntanza na que se elixirá a nova Presidencia.
Pola súa parte, Montenegro afirmou que o 28 de marzo presentará ao presidente a relación de nomes que integrarán o seu Executivo -no que se está a negociar a inclusión da Iniciativa Liberal (IL)- e adiantou que a toma de posesión decorrerá o 2 de abril.
Ademais, recalcou que “non hai razón algunha” para “dubidar da capacidade do Goberno de dar estabilidade”, apuntando que a pesar de que só conta cunha maioría relativa ten a “confianza” do “electorado”, polo que reclamou “sentido de responsabilidade” ao resto de forzas con representación.
O primeiro ministro saínte, António Costa (PS), felicitou Montenegro tras o seu nomeamento por parte de Rebelo de Sousa, e desexoulle “éxito” no novo Goberno “polo ben de Portugal e dos portugueses”.