Saúde

Falece unha anciá que contraera o virus do Nilo, un dos dous casos confirmados en Sevilla

Mosquito do xénero 'Culex', portador do virus do Nilo. (Foto: Nós Diario)
A falecida é unha muller de 71 anos que presentaba patoloxías previas graves.

A Consellaría de Saúde e Consumo da Xunta de Andalucía confirmou esta cuarta feira os dous primeiros casos de contaxio de Virus de Nilo Occidental (VNO) deste verán. As afectadas son dúas persoas residentes na localidade sevillana de Dos Hermanas, unha muller de 71 anos con patoloxías graves previas e que faleceu, e un home de 72 que xa foi dado de alta. Así o informou a Consellaría nunha nota de prensa na que explicou que as mostras, que foron remitidas ao laboratorio do Hospital Universitario Virgen de las Nieves de Granada, confirmaron a positividade en ambos os casos.

Unha das afectadas é unha muller de 71 anos, que presentaba patoloxías previas graves. Foi ingresada o pasado 5 de xullo tras presentar síntomas e faleceu este pasado martes. O outro contaxiado por VNO é un home de 72 anos que ingresou o mesmo día e que foi dado de alta esta cuarta feira. Ambas as afectadas estiveron hospitalizadas no Hospital Universitario de Valme.

Desde a Delegación Territorial da Consellaría de Saúde e Consumo de Sevilla notificouse ao Concello de Dos Hermanas o seu cambio de nivel de risco de 3 a 5, o que supón a necesidade dunha "actuación urxente" sobre a poboación de mosquitos adultos do xénero 'Culex', así como unha "intensificación" do Plan Municipal que esta localidade ten instaurado desde 2021, cun aumento da comunicación á poboación sobre as medidas preventivas, o que se tratará nunha próxima reunión de coordinación, tal e como prevé o Programa de vixilancia e control de Febre do Nilo de Andalucía instaurado desde 2021.

A infección polo VNO é unha zoonose transmitida por mosquitos do xénero 'Culex'. A enfermidade afecta países do sur, leste e oeste de Europa. O virus transmítese entre as aves a través da picada de mosquitos infectados, sendo este o seu ciclo natural. Os humanos e outros mamíferos poden infectarse de forma colateral, sen que desde eles se produzan novas transmisións.

Arredor de 80% das infeccións polo VNO en humanos son asintomáticas. A Febre do Nilo Occidental (FNO) é a presentación clínica máis común. As persoas anciás e as inmunocomprometidas corren un maior risco de desenvolveren a enfermidade neuroinvasiva do Nilo Occidental.

Desde Saúde insistiron na necesidade de que a poboación manteña as medidas preventivas para evitar picadas de mosquitos nas horas de maior actividade das especies transmisoras desta enfermidade —en horas próximas ao amencer e posteriores á tardiña—, tanto individuais, como uso de repelentes rexistrados de uso tópico e roupa clara e que cubra a maior parte da pel, como domésticas —uso de mosquiteiras ou repelentes ambientais—, sobre todo, para a poboación vulnerábel con inmunidade comprometida.