Sete mortes nos lumes en Portugal, que multiplican o terreo queimado o resto do ano

Incendio a segunda feira en Sever do Vouga (Aveiro), onde a veciñanza tratou de protexer con auga as súas casas e axudou os bombeiros. (Foto: Diogo Baptista / Zuma Press / Europa Press)

Máis de 6.000 bombeiras e bombeiros tratan de acabar cun centenar de incendios.

Desde o domingo arderon en Portugal máis de 30.000 hectáreas de bosque, mato e terras agrícolas, o dobre que o queimado desde o comezo do ano até o domingo, revelou a terza feira o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas ao semanario Expresso, mentres que o servizo Copernicus da Unión Europea (UE) elevou a cifra a máis de 62.000 hectáreas.

O díxito de mortes confirmadas no contexto dos lumes concentrados sobre todo no norte e centro do país medrou a sete, catro delas bombeiras e bombeiros, e o Executivo estendeu a alerta até a quinta feira, con máis dun centenar de concellos en perigo máximo de incendio.

Á hora do feche desta edición estaban activos 61 incendios, case a metade deles especialmente significativos e na súa maioría entre a área metropolitana do Porto e Aveiro. A outros 33 focos estaban a dirixirse os equipos de emerxencia, 22 lumes máis non tiñan perigo de propagación e 63 estaban baixo observación após ser extinguidos. A segunda feira foron rexistrados en todo o territorio 277 lumes, dos que 54 se estenderon até a terza.

Só entre a medianoite da segunda á terza feira é as 12:30 da terza (unha hora máis na Galiza) detectáronse 105, detallou o comandante nacional de Emergência e Proteção Civil, André Fernandes, que incidiu en que “a situación é complexa”.

Están involucradas na loita contra o lume máis de 6.300 bombeiras e bombeiros canda 1.900 vehículos e 39 medios aéreos, indica o Ministério de Administração Interna. Ao respecto dos avións anti incendios desprazados logo de demandar Lisboa axuda á UE, a segunda comezaron a operar os dous enviados polo Estado español, e a terza pola tarde prevíase que entraran en acción as dúas aeronaves de Francia e as dúas de Italia. As dúas enviadas por Grecia chegarán a cuarta feira, avanzou unha fonte gobernamental á axencia Lusa.

No que atinxe ás vítimas mortais, dúas bombeiras e un bombeiro de Tábua, no distrito de Coimbra, faleceron nun accidente a terza feira cun vehículo alcanzado polo lume. Antes confirmárase a morte dunha muller en Mangualde, no distrito de Viseu, dun traballador en Albergaria-a-Velha, dunha persoa en Sever do Vouga e dun bombeiro en Oliveira de Azeméis, as tres localidades pertencen ao distrito de Aveiro. Amais hai 40 persoas feridas, dúas delas de gravidade, a meirande parte membros dos equipos de emerxencia.

Un dispositivo baixo "estrés e presión"

Os catro grandes incendios que afectan este distrito -os destas tres vilas e Águeda- xa arrasaron 10.000 hectáreas de bosque, anunciou Proteção Civil, que debullou que o perímetro do fogo abarca aproximadamente 100 quilómetros.

O segundo comandante nacional de Emergência e Proteção Civil, Mário Silvestre, subliñou que non se deron ás “xanelas de oportunidade” para combater o lume que prevían durante a madrugada. “O vento non nos axudou, durante a noite tivemos ventos a roldar os 79 quilómetros por hora, con temperaturas de 25ºC e unha humidade relativa de arredor de 30%”. 57 persoas tiveron que ser evacuadas durante a noite nesta área. Tamén se produciron evacuacións en lugares como Paredes, no distrito do Porto, despois de declararse o lume ás 5.21.

Silvestre fixo énfase en que o gran volume de lumes en Portugal implica que o dispositivo está “baixo grande estrés e presión”.

O avance das lapas derivou en que foran cortadas seis autoestradas (A1, A4, A24, A25, A41, A43) e nove estradas nacionais no norte e centro luso. En paralelo, foi suspendida a circulación ferroviaria nas zonas próximas aos lumes, con cortes nas liñas do Douro, Vouga e Beira Alta de Comboios de Portugal. Ademais, en Gondomar, no distrito do Porto, unha decena de liñas de autobús víronse afectadas.

A Polícia Judiciária e a Guarda Nacional Republicana informaron de que desde o sábado detiveron catro persoas sospeitosas de provocar incendios forestais, dúas mulleres e dous homes.

Fernandes subliñou que até a madrugada da cuarta agardábanlles “horas difíciles e complicadas”, cunha “situación extrema nalgunhas zonas” con lumes dun “comportamento moi extremo”, e, en alusión ás críticas dos municipios pola falta de medios, aseverou que “a estratexia que se está a adoptar ten como obxectivo preservar a vida humana e os bens”.

António Nunes, presidente da Liga dos Bombeiros Portugueses, apuntou que o acontecido lembra os incendios de outubro de 2017, nos que 65 persoas perderon a vida, e asegurou que a Autoridade Nacional de Emergência e Proteção Civil debía ter previsto a posibilidade de incendios e enviar grupos de reforzo dos equipos de emerxencia ao norte e centro do país, citando as masas de ar quente e seco e o vento forte xunta “algunha chuvia” no verán, que axudou a “alimentar os pastos para as chamas”.

O Instituto Português do Mar e da Atmosfera comunicou que o risco de incendio a cuarta feira se manterá en nivel moi alto e máximo en toda a metade norte do Portugal continental, con alertas tamén no sur e cunha lixeira mellora prevista a quinta, ao estimarse refachos de vento de até 60 km/h e unha humidade de 10% ou menos en áreas próximas á costa.

Eucaliptos e seca, "unha catástrofe perfecta"

Obviamente "o eucaliptal ten unha relación directa" cos lumes, afirmou a Nós Diario o investigador e activista contra o cambio climático luso João Camargo, que incide en que “acelera a velocidade dos incendios” e a súa propagación, causando novos focos “moitas veces a decenas de quilómetros de distancia”, e lembra que o país conta con arredor dun millón de hectáreas desta árbore, sinalando que se trata dunha “situación relativamente similar” á da Galiza.

Tamén apunta ao seu vínculo co cambio climático, que reduce os períodos entre fenómenos meteorolóxicos extremos, relatando que a desertificación causada pola mudanza climática e as áreas de eucalipto que a aceleran constitúen conxuntamente “unha catástrofe perfecta”.

O certo é que a expansión do eucalipto provoca que o rural sexa “un sitio cada vez máis perigoso para vivir”, porén, beneficia as “industrias de papel e de madeira”, con énfase en Navigator, presente na Galiza, e Altri, que busca desenvolver unha planta de celulosa no país.

É unha industria “que sen ningún investimento recibe un millón de hectáreas como se fora a súa mina privada”, narra Camargo, citando un “acordo de réxime” entre boa parte do espectro político para “manter intocábel o monopolio absoluto que a industria da celulosa ten sobre o mundo rural”.