Os Mossos consideran inaplicábel a orde da Fiscalía de precintar os colexios eleitorais

A Fiscalía prescrebeu esta terza feira o fechamento de todos os colexios eleitorais dispostos pola Generalitat para o 1-O. Serían os Mossos o corpo policial encarregado de os precintar. A policía catalá ve inaplicábel esa orde porque, enfatizan, a súa posta en práctica acarretaría problemas de orde pública.

Os Mossos non contemplan un cenario de confronto cos miles de voluntarios independentistas que se poderían mobilizar para evitar o fechamento dos colexios eleitorais. Segundo avanza La Vanguardia, o seu major, Josep Lluis Trapero, comunicará esta cuarta feira nunha reunión na Fiscalía con mandos da Garda Civil e da Policía Nacional que non se dan as condicións para aplicar a orde.

 

O que pretende a Fiscalía é que á altura do sábado 30 de setembro, a véspera da consulta, os colexios estean precintados e non se poda acceder ao seu interior. Deberían ser fechados, portanto, esta sexta feira, a partir da hora en que conclúan as aulas (a maior parte dos locais de votación son centros de ensino). Quen rachar os precintos e entrar nos colexios afrontaría responsabilidades penais. A Fiscalía non só ordena pór fóra de circulación os colexios -e se incautar de todo tipo de material, urnas, papeletas, que se encontrar no seu interior-, senón tamén prescrebe que se tomen medidas para que, nun radio de 100 metros, non se podan habilitar espazos para a votación (por exemplo, en plena vía pública).

 

A Fiscalía pide que se desaloxen as persoas que se podan achar nos colexios eleitorais no momento en que estes vaian ser precintados. É aquí onde os Mossos ven dificuldades materiais á hora de levar a termo a orde. Vanse constituír por volta de 6.000 mesas de votación e a policía catalá só dispón de 16 mil efectivos. Embora a Fiscalía abrir a hipótese de que se bote man das policías locais, os Mossos continúan a considerar a realización da encomenda como un serio risco para a orde pública. 

 

En todo caso, a aplicación ou non desta orde é a proba do nove que demostrará se, con efeito, os Mossos se sitúan fóra do control das institucións estatais, tal e como deu a entender a cúpula da policía catalá cando a pasada segunda feira se negou a aceitar a tutela que se pretendía estabelecer sobre ela desde o Ministerio do Interior a meio dun tenente coronel da Garda Civil xulgado no seu día por torturas a un militante de ETA.

 

Rajoy con Trump

 

E mentres aumenta a tensión entre os Mossos e os aparatos do Estado, Rajoy fixo unha incursión na política internacional para recabar apoios na batalla de Catalunya. Subiu ao topo da pirámide e visitou o despacho oval. A súa entrevista con Donald Trump non defraudou. O presidente dos EUA, moi fiel ao seu estilo, ofereceu o seu apoio ao mantimento dunha "España unida", mais ao mesmo tempo Trump admitiu que a pretensión do Goberno español de afogar o referendo do 1-O se vai atopar coa "oposición da xente".