O movemento pola reunificación de Bretaña segue a sumar vitorias

As consultas populares en Saoudan e Langoed deitaron sendos triunfos para a opción a prol de reunificar o país celta, dividido por París en diferentes rexións.

 

As vilas de Saoudan e Langoed seguiron os pasos que iniciara a localidade de Wikel-Skovrid en novembro de 2014 e organizaron sendas consultas populares sobre a reunificación de Breizh (Bretaña), país dividido desde París en diferentes ‘rexións. En Soudan o 79,6% dos votos foron a prol de poñer fin á disfgregación e reunir os cinco departamentos que compoñen o país bretón nunha mesma ‘rexión’. En Lengoed o apoio foi do 76% dos sufraxios emitidos.

Mais a taxa de participación nas consultas segue a ser baixa: entre o 15 e o 20%. Algo que non desanima en absoluto as e os organizadores, que salientan que son os primeiros pasos dun proceso moito máis amplo e a longo prazo para ir tamén gañando capacidade de decisión para o pobo bretón. O movemento Dibab é o responsábel destas iniciativas, que en cada concello é organizada por comités populares locais.

En setembro do ano pasado houbo en Nantes unha ampla mobilización (13.000 asistentes segundo a policía, 35.000 para a organización) contra a división deste país. A marcha, convocada por diferentes colectivos, entre eles Breizh=44, tiña como demanda pedir a reunificación dos catro departamentos que actualmente conforman a rexión de Bretaña co de Loira Atlántico (rexión de Pays de Loire). Unha reclamación desde hai décadas dos e das bretoas, que lembran que estes cinco departamentos son os que históricamente compoñen Breizh, e que a súa disgregación en varias ‘rexións' responde a unha decisión de París por diluír o seu país. A manifestación exixía, inciden os e as convocantes, ‘respecto’ para o país bretón e o seu dereito a decidir.  Aí púxose o primeiro pedra para a campaña de consultas que agora agroman.