O multilateralismo que a Covid matou
Volkan Bozkir xa é o novo presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Tomou posesión na terza feira (madrugada da cuarta na Galiza), salientando que o unilateralismo só serviu para fortalecer a pandemia da Covid-19. Pediu neste sentido un compromiso coa cooperación global e co reparto xusto e equitativo das futuras vacinas.
Bozkir incidiu na liña marcada desde o comezo da crise sanitaria polo secretario xeral da ONU, António Guterres. "Ningún Estado pode combater esta pandemia só", dixo o político e diplomático turco, e engadiu que é responsabilidade dos 193 membros da Asemblea "fortalecer a fe da xente na cooperación multilateral e nas institucións internacionais, coa ONU como o seu centro".
Diante dos diplomáticos de todos os Estados representados no organismo internacional, con máscara e sentados mantendo unha distancia de seguridade, asegurou que "afrontar os efectos do coronavirus en todas as súas dimensións será unha prioridade capital" da súa presidencia. Neste sentido, anunciou que a comezos de novembro a Asemblea Xeral manterá unha sesión especial ao máis alto nivel sobre a Covid-19.
O até agora presidente, Tijjani Muhammad-Bande, fixo a simbólica cesión do martelo a Bozkir, mais antes, no seu discurso de despedida, abundou na necesidade de afondar na cooperación multilateral, especialmente no sector da sanidade. E tamén pediu o compromiso dos líderes mundiais "para agrandar os esforzos nacionais e globais na construción dun mundo máis san para todos".
Analizar as críticas
Nesa liña continuou Bozkir. "Desde o comezo da crise, as voces críticas co multilateralismo foron en aumento", afirmou, e engadiu que "a pandemia foi usada para xustificar decisións unilaterais e debilitar o sistema internacional baseado no estado de dereito. As organizacións internacionais foron reprobadas e a necesidade da cooperación internacional foi cuestionada".
O novo presidente da Asemblea Xeral recoñeceu que as críticas non están faltas de fundamento, "mais as súas conclusións son erróneas", alertando unha vez máis contra o unilateralismo. "Cómpre un diálogo franco, transparente e orientado a ser produtivo" sobre que se fixo mal para conter o virus e sobre que se debe facer para evitar unha situación similar no futuro, manifestou.
E a respecto da xusta distribución de vacinas, sinalou que "non é unha cuestión de saúde e de economía, senón de ética na súa forma máis profunda". Unha reflexión na liña da expresada polo propio Guterres, o primeiro en inaugurar os parlamentos.
O secretario xeral cualificou de ano crítico o que vén por diante, e afirmou: "Debemos continuar a responder ao impacto inmediato da pandemia da Covid-19 fortalecendo os sistemas de saúde e apoiando o desenvolvemento e a distribución equitativa de tratamentos e vacinas".
Neste sentido, matizou que "a forza do multilateralismo está a mudar" e salientou, como noutras ocasións, "a necesidade dun tipo de multilateralismo máis interconectado e inclusivo para o século XXI". Este ano, dixo, debe ser o da "construción dunha forte recuperación", que debe ter como base a Axenda 2030 e o Acordo de París. A estes retos, Guterres sumou a paz e a seguridade, o desarme, os dereitos humanos, a igualdade entre sexos e o desenvolvemento sustentábel.
Axenda anual
Volkan Bozkir, diplomático que conta con case 50 anos de experiencia profesional e que foi ministro turco de Asuntos Europeos (2014-2015), presidirá a partir da semana vindeira a xuntanza anual de líderes mundiais da Asemblea Xeral. Xuntanza que se desenvolverá até finais de mes e que será principalmente virtual, con discursos pregravados e coa única presenza física dun representante por cada Estado.
Na axenda deste ano, ademais da sesión especial sobre a Covid, tamén está prevista outra sobre corrupción, informou o xa presidente da Asemblea Xeral. Na súa lista de prioridades tamén citou a Estratexia global da ONU na loita contra o terrorismo, a conmemoración do 25º aniversario da Cimeira Mundial para o Desenvolvemento Social e a preparación da quinta Conferencia da ONU sobre os países menos desenvolvidos. Ademais, Bozkir pretende revitalizar o traballo da Asemblea e discutir a reforma do Consello de Seguridade.
O mundo non estaba preparado para a actual pandemia e tampouco o está para a próxima
O impacto humano e económico da pandemia mostra que o mundo non estaba preparado para afrontar unha ameaza deste tipo, aínda que as probabilidades de que acontecese eran moi altas. Sinálao a Xunta de Vixilancia Mundial da Preparación (GPMD, nas siglas en inglés) no informe que acaba de publicar esta semana e que leva por título Un mundo desorganizado.
A GPMD, dependente da OMS e do Banco Mundial, encárgase de supervisar as políticas globais de cara á preparación ante unha crise sanitaria global. O documento é moi crítico e cualifica a resposta mundial como "un fracaso colectivo", cre que medrou a desconfianza da poboación cara aos dirixentes e considera que o liderado dos organismos internacionais se viu obstaculizado polas tensións xeopolíticas e o unilateralismo.