Na Galiza hai un "secesionismo apacíbel", segundo Stratfor

En febreiro deste ano Wikileaks comezou a publicar os Globe Intelligence Files, uns cinco millóns de correos electrónicos do cuartel de Texas da compañía de “intelixencia global” Stratfor, datados entre xullo do 2004 e decembro do ano pasado. En xullo de 2010, un informe sobre “secesionismo en Europa” contemplaba Galiza entre os territorios “separatistas”, e situábaa no “nivel 1”.

Xunto ao val de Aosta en Italia, a Krajina serbia en Croacia, as illas Feroe en Dinamarca, Crimea en Ucraína, Vojvodina en Serbia ou Irlanda do Norte con respecto a Inglaterra, sitúa Stratfor Galiza nun informe sobre “secesionismo” en Europa do 2010: no nivel 1. Euskadi xa se sitúa no 2, e Cataluña no 3.

Os niveis que estabelece o informe son catro: ao primeiro chámanlle “ferver a lume lento”: a independencia é unha idea, mais a rexión en cuestión non ten interese en perseguila. O segundo, “a fervedura feble”, estabelece a independencia, ou a constitución do estado autónomo, como algo máis que unha idea: é un desexo, malia non ter a rexión os mecanismos para o acadar. O terceiro estadío, “activo, mais non explosivo”, refírese á independencia como obxectivo, porén nun contexto en que hai moi pouco risco de violencia; pola contra, no cuarto estadío, o do secesionismo “activo”, a violencia é un dos métodos para chegar á soberanía.

Galiza sitúase para Stratfor no nivel 1. Afirman que o nivel de apoio popular ao independentismo é “baixo”, e cuantifícano a través de datos como unha enquisa do momento en que o 75% das persoas declaran sentirse máis galegas que españolas. Menciona tamén o autogoberno e o Estatuto de Autonomía. Finalmente, nunha resposta do 28 de xullo do 2010, achegan datos sobre a composición do Parlamento galego e cualifican o separatismo en Galiza de “apacíbel, lixeiro”.