O nacionalismo á beira do 10% dos votos nas eleccións en Frisia

O FNP, partido nacionalista e de esquerdas, consegue 4 deputados nas eleccións desta zona dos Países Baixos cun idioma de seu e cultura e identidade propia.

 

Frisia é unha das ‘rexións’ que integran os Países Baixos. Unha zona costeira e principalmente agrícola (as ben coñecidas en Galiza ‘vacas frisoas’ veñen de aí) que se diferenza dos outros territorios en que posúe idioma de seu, unha identidade propia e un movemento político propio que cristaliza no FNP (Fryske Nasjonale Partij), o Partido Nacional Frisón.

Nas eleccións ‘rexionais’ e locais que veñen de decorrer o FNP obtivo o 9,4% dos votos (en 2011 lograra o 9,2%), polo que mantén os seus 4 escanos na asemblea frisia (43 deputad@s). Os comicios foron gañados polos democristianos (CDA), que atinxiron 9 parlamentari@s. Un total de 11 formacións lograron representación. A segunda forza foron @s laboristas (PVDA, 7 escanos), seguidos da dereita (VVD, 5 escanos) e socialistas (SP, 5). @s nacionalistas foron quintos. O lema da campaña do FNP foi ‘Menos Haia, máis Frisia’.

O FNP ten por volta de 1.300 militantes e foi fundado en 1962. É membro da Alianza Libre Europea. Se ben defende unha Frisia soberana e o dereito de auto-determinación -e ten un sector independentista- na práctica o FNP móvese polos camiños do ‘posibilismo’. Centra as súas demandas en maiores cotas de auto-goberno. Así, unha das súas peticións é que en 2017 decorra un referendo para pedir que Frisia teña competencias en vivenda, educación, sanidade... 

Un bocadiño de historia

Como se recollía nun especial de Vieiros, Frisia antigamente formaba un territorio homoxéneo. O soterramento das súas terras polo mar e a atomización dos Países Baixos dende a Idade Media dividiron o territorio, que se estendía desde o noroeste de Holanda deica o sudoeste de Dinamarca a través de Alemaña. Dende 1815 as súas terras está repartidas entre Westerlauwersk Fryslân ou simplemente Fryslân (Frisia Occidental, provincia de Holanda), Eastlauwers Fryslân (Groninga, provincia de Holanda), West-Fryslân (comarca de Noôrd-Holland, provincia de Holanda), e as rexións do noroeste de Alemaña East-Fryslân (Ostfriesland, en alemán) e Noard-Fryslân (Nordfriesland, en alemán), así como as respectivas illas. 

Imaxe: Unha moza coa cabeza envolta na bandeira de Frisia.Imace: BNR.nl