Néstor Rego reaxe contra Vox, que pide ilegalizar o BNG
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, manifestou esta terza feira, 15 de steembro, o seu rexeitamento á proposición de lei presentada por Vox para a ilegalización do BNG e doutras forzas soberanistas vascas e catalás. O deputado galego cualificou a forza de Santiago Abascal de partido franquista, após o dirixente ultradereitista aseverar no debate que o actual Goberno é o peor “en 80 anos”, comparándoo así coa etapa da ditadura.
“Queren ilegalizarnos porque seguimos defendendo a liberdade do noso pobo” salientou Rego, após lembrar "o absurdo de que a ultradereita fascista pretenda ilegalizar forzas políticas democráticas (...) que loitaron pola liberdade durante a ditadura e pagaron un alto prezo por iso, con millares de represaliados, exiliados e mortos". O deputado do Bloque lembrou o galeguista Alexandre Bóveda, fusilado en 1936, e o dirixente nacionalista Moncho Reboiras, asasinado en 1975. “E no medio, 40 anos de terror, que vostedes añoran”, sinalou.
Referendo
En relación cunha iniciativa de Unidas Podemos para que CIS pregunte sobre a monarquía, Rego sinalou que "fica curta, pois o que hai que facer é preguntar formalmente a cidadanía sobre o modelo de Estado". Por esa razón, rexistrou unha emenda instando o Goberno a convocar un referendo para decidir entre monarquía ou república.
Finalmente, a Mesa do Congreso impediu a súa tramitación, alegando que non é competencia do Goberno. “Ao parecer non poderemos votar (...) e creo que todas as forzas políticas somos conscientes de que, tras o descrédito dos Borbóns corruptos, a monarquía ten os días contados” dixo o deputado.