Netanyahu afasta calquera posibilidade de tregua e acrecenta a ofensiva: pide ao exército atacar o Líbano "con todas as súas forzas"

Danos producidos por un ataque israelí en Jiyeh, entre a cidade portuaria sureña de Sidón e Beirut. (Foto: Marwan Naamani/dpa)
A comunidade internacional apoia unha tregua de 21 días previo a un cesamento do fogo.

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, saíu esta quinta feira ao paso das informacións sobre a posibilidade dunha tregua na fronteira con Líbano con Hezbolá. Lonxe de se aliñar cun alto ao fogo, como reclama a comunidade internacional, recalcou que deu orde ao Exército para que continúe "con todas as súas forzas" as operacións contra o país veciño.

"As noticias sobre un cesamento do fogo non son certas. Trátase dunha proposta franco-estadounidense á que o primeiro ministro nin sequera respondeu", dixo a oficina de Netanyahu a través da súa conta na rede social X, despois de que Washington e París expuxesen a posibilidade dunha tregua de 21 días como paso previo a un cesamento do fogo.

Así, a oficina do primeiro ministro recalcou que as informacións en prensa israelí sobre unha orde ao Exército para rebaixar a intensidade dos bombardeos mentres se sopesaba a proposta "son contrarias á verdade".

"O primeiro ministro deu instrucións ás Forzas de Defensa de Israel (FDI) para que continuasen os combates con todas as súas forzas e de acordo con os plans que lle presentaban", porfiou, antes de insistir en que a ofensiva contra a Faixa de Gaza continuará tamén "ata que se logren todos os obxectivos da guerra".

Minutos despois, o ministro de Exteriores israelí, Israel Katz, dixo claramente que "non haberá un cesamento do fogo no norte". "Seguiremos loitando con todas as nosas forzas contra a organización terrorista Hezbolá até a vitoria e o regreso seguro dos habitantes do norte aos seus fogares", resolveu.

A proposta internacional

A reacción chega despois de que Washington e París reclamasen esta cuarta feira unha tregua "temporal" de 21 días entre Israel e Hezbolá para "un acordo diplomático" para "evitar unha maior escalada en ambos os dous lados da fronteira, unha proposta que recibiu o apoio da Unión Europea e varios países, incluídos varios estados árabes.

Así mesmo, a coordinadora especial de Nacións Unidas para Líbano, Jeanine Hennis-Plasschaert, aplaudiu a petición e expresou o seu desexo de que solicite un "apoio inequívoco". Con todo, varios ministros israelís reclamaron xa a Netanyahu que non acepte a proposta e que aposte pola vía militar.

"Esmagar" Hezbolá

É o caso do ministro de Finanzas, o ultranacionalista Bezalel Smotrich, quen indicou na súa conta na rede social X que "a campaña [militar] no norte debe terminar nun escenario: esmagando a Hezbolá e negando a súa capacidade de causar dano aos residentes no norte".

"Non se debe dar tempo ao inimigo para que se recupere dos fortes golpes recibidos e se reorganice para continuar a guerra despois de 21 días", sostivo, antes de engadir que "a rendición de Hezbolá ou a guerra son a única maneira de devolver aos residentes e a seguridade ao norte e ao país".

Ataques cruzados

Durante as últimas horas morreron polo menos trece persoas no Líbano por mor de novos bombardeos executados por Israel, que asegurou que bombardeou "aproximadamente 75 obxectivos terroristas de Hezbolá no val da Becá e o sur de Líbano, incluídos depósitos de municións, lanzadeiras preparadas para disparar, edificios militares, terroristas e infraestrutura militar da organización". Con todo, no Líbano xa morreron máis de 600 persoas desde que recruaron os ataques

Pola súa parte, Hezbolá lanzou esta quinta feira decenas de proxectís contra unha localidade e dúas instalacións vinculadas cunha empresa militar israelí ao norte da cidade de Haifa, en resposta á nova onda de bombardeos israelís contra territorio libanés.

O grupo indicou que lanzou ataques contra Kiryat Motzkin e dous "complexos" da empresa Rafael, sen que polo momento haxa informacións sobre vítimas, segundo recolleu a cadea de televisión libanesa Al Manar.

O Exército israelí confirmou a través dun comunicado que 45 proxectís entraron no seu espazo aéreo e asegurou que "algúns deles foron interceptados" e "outros caeron en zonas abertas", polo que descartaron danos materias.