Unha escolma do papel: Conversa con Josu Juaristi, eurodeputado de EH Bildu

"Non quero para o meu país un proceso plurinacional. Quero o dereito a decidir"

Josu Juaristi en entrevista

Josu Juaristi (1964) encabezou a candidatura de Os Pobos Deciden nas recentes eleccións europeas. Visitou Galiza para realizar un acto conxunto co Bloque Nacionalista Galego. Encóntrome con el na sede da organización frentista. Viste jeans e unha camiseta preta de manga comprida. É xornalista - estivo no Egin que fechou Garzón e dirixiu Gara- e exprésase con muita clareza, mais non cai no erro de pensar en titulares, tan frecuente nos políticos de laboratorio. Vai partillar con Ana Miranda (BNG) un escano en Bruxelas.

-A abdicación de Juan Carlos de Borbón revela que estamos ante o principio do fin do réxime do 78?

 

-Creo que é un síntoma máis do deterioro xeral do Estado español, non só económico, senón tamén político, un síntoma do fracaso dun réxime pactado e dunha transición que para os pobos non funcionou en absoluto. O réxime converteuse nunha cadea para os pobos.

 

 

-Algunhas forzas que si estiveron no consenso do 78 agora afástanse del. Como valoras isto desde a perspectiva dunha esquerda abertzale que sempre estivo pola ruptura?

 

-Ben, podían ter aproveitado hai 30 anos a oportunidade para ter forzado ou intentado forzar outro sistema que aquel que foi imposto e lexitimado desde o franquismo. Supoño que é bon que, aínda que sexa tarde, algunhas forzas orienten agora o seu discurso cara á República, dado que o actual sistema nen funciona nen parece ser compartido por unha maioría social.

 

 

-Desde o soberanismo, pódese facer a leitura de que desde as forzas estatais se está utilizando o debate arredor da III República para opacar a loita política das nacións sen Estado pola súa soberanía... 

 

-Si, neste momento hai diversos procesos para opacar ou rexeitar a opción de que os pobos podan decidir o seu futuro. Fálase moito de terceira vía, de proxectos federais, mais o propósito común é negar o dereito dos pobos a decidiren.

 

-Ti cres que se pode abrir un proceso constituínte plurinacional, que parta desde as nacións...?

 

-Non o sei. No noso caso concreto, e do meu ponto de vista, realmente eu non quero para o meu país un proceso plurinacional. Quero que o meu país poda decidir onde queira estar. Non me importa que se fale de reforma constitucional, terceira vía ou proxecto federal.

 

-A esquerda abertzale sitúa o seu obxectivo na conquista dunha República vasca.

 

-Si, unha República vasca, un Estado vasco en Europa.

 

-E que perfís tería esa república? Digo porque incorporades o contido socialista...

 

-En termos de xustiza social, si queremos darlle ese contido. Do ponto de vista da articulación territorial, será a que a sociedade lle queira dar. Estando en Europa, interésanos moitísimo a rede que se poda criar entre os pobos que queren decidir o seu destino.

 

-Sodes unha parte do nacionalismo vasco. Como está a xogar a outra parte?

 

-Co PNV vamos chocar frontalmente en termos de modelo socioeconómico. Iso é evidente. Está ocorrendo e vai ocorrer. Outra cousa é que nas grandes cuestións, baseadas no dereito a decidir, todas as sensibilidades que teñen Euskal Herria na cabeza deberían ser capaces de encontrar espazos comúns de traballo conxunto.

 

-No eixo nacional, ves o PNV capaz de evoluír cara á posicións digamos nididamente independentistas?

 

-Na campaña foi curioso ver como o PNV foi modulando o seu discurso, até o punto de que no tramo final chegou a falar do direito a decidir. Para nós é fundamental saber se o PNV está disposto a asumir esa reivindicación. Eu agardo que si.

 

"A chave está e segue estando na forza que se fai de abaixo a arriba"


-Vós falades de Euskal Herria [o conxunto dos territorios vascos, incluíndo Nafarroa e os herrialdes que se achan baixo xurisdición francesa], cres que o PNV pode asumir ese marco?

 

-O PNV fala normalmente de Euskadi, ou sexa, a comunidade autónoma vasca, aínda que eu estou convencido de que boa parte das súas bases si que teñen na cabeza a idea de Euskal Herria.

 


-Ti concebirías un Estado vasco das 3 provincias?

 

-Eu preferiría comezar coas catro.

 

-E logo incorporar as outras 3?

 

-E logo sumar o norte en canto se puder. De feito non é algo que non se teña falado entre as distintas sensibilidades, é algo que se ten falado entre a esquerda abertzale e o PNV.

 

-Por que cres que o nacionalismo conservador catalán rompe claramente con España, por vez primeira na historia... 

 

-[facendo un inciso] Ben, xa veremos até onde chega.

 

-Refírome a que formalmente si opta pola ruptura.

 

-Si, Si. Iso é así.

 

-Daquela por que cres que CiU opta por rachar con España e o PNV, non?

 

-Eu creo que a chave está e segue estando na forza que se fai de abaixo a arriba. En Catalunya esa forza é imparábel. Ou nos parece imparábel. Refírome á presión social, dunha maioría social moi clara, unha presión social que ningún partido pode obviar ou pode parar. E esa presión se non a tes en conta pode pasarche por enriba.

 

-E o PNV non sente esa presión social?

 

-Se callar aínda non nota ese alento e temos que empurrar máis, ou o conxunto da sociedade ten que empurrar máis, que máis quixéramos nós que se sumase...

 

 

 


 

 

"Vamos defender os intereses de Galiza e de Euskal Herria"

 

-Cales son os obxectivos, sucintamente, do escano gañado en Bruxelas pola coligación Os Pobos Deciden e como valoras a colaboración co nacionalismo galego?

 

-Comezo polo final. Díxeno en campaña e díxeno moi convencido: eramos a mellor candidatura para defender non só os dereitos dos pobos, senón tamén das persoas. Todos os dereitos para todas as persoas. E creo que por unha parte a conexión de ideas que percibo -e tamén os resultados, porque nos presentamos para conseguir resultados- fai que me reafirme nesa impresión. Creo moito no traballo en equipa e no Parlamento europeu esa necesidade é evidente. No noso caso, estou convencido de que nos enriquece, e dígoo porque o sinto así, enriquécenos de forma ilusionante. Estou convencido de que a experiencia está sendo e vai ser moi positiva. Vamos, desde logo, defender os intereses de Galiza e de Euskal Herria, das persoas e dos pobos, a pór a defensa deses intereses na axenda europea con toda a forza que podamos, non só coa nosa... alguén pode decidir: só sodes un escano, mais non, porque alí facemos un traballo compartido, un traballo co resto de formacións da esquerda, soberanistas, nacionalistas, coas cales vamos partillar algunhas cousas. Vai ser un escano compartido. Eu vou ser o eurodeputado vasco e Ana vai ser a eurodeputada galega. Desde o primeiro minuto do partido vamos actuar dese modo, defendendo os intereses de xustiza social, da maioría, desde unha posición moi firme contra as políticas da Troika.

 

-É posíbel unha Euskadi independente e socialista dentro da UE?

 

-É posíbel unha Euskal Herria independente sen nengunha dúbida e sería tal e como quixera a súa cidadanía e estaría onde quixera a súa cidadanía. Gostariamos de que tivese ese componente socialista, de xustiza social, todo iso que defendemos, con componente soberanista, de esquerdas, progresista, ecoloxista, feminista, moi forte e moi marcado. Pero se a cidadanía decidise seguir na UE, Euskal Herria non teño a menor dúbida de que sería un estado membro e contribuínte, porque temos potencial, os vimbios humanos e económicos, para ser un Estado [dentro da UE] con todas as garantías.

 

-Mas no debate catalán o Estado español utiliza machuconamente a tese de que non é posíbel que un Estado independizado dun socio membro se manteña na UE, no mínimo en primeira instancia...

 

-Ten moito a ver coa carencia de cultura democrática.

O caso escocés retrata a falta de cultura democrática do Estado español. Escocia pode marcar unha especie de protocolo dentro da UE. Acordo entre os gobernos de Londres e Edimburgo para un referendo e con camiño pactado en caso de os escoceses decidiren a favor da independencia. Pasos pactados. Escocia negocia, por unha parte, con Londres as obrigas financeiras, o reparto, a separación, o que teñan que negociar e falar, pero en termos xa pactados, e ao mesmo tempo Edimburgo negocia coa Comisión o peso, as obrigas financeiras e económicas, o número de escanos no Parlamento, o número de votos no consello de ministros, que tería Escocia. Gran Bretaña debería facer o mesmo coa Comisión Europea, porque vai perder peso político e vai perder peso económico, tamén. Edimburgo e Bruxelas alcanzarían un acordo que os escoceses refrendarían ou rexeitarían, e os escoceses en último termo decidirían se queren sumarse neses termos á UE ou queren facer o seu propio camiño ou queren incorporarse ao espazo nórdico, por pór calquer outra hipótese sobre a mesa. Ese é un protocolo democrático e europeu.

 

 

 


 

" O Estado español ten medo á paz" 

 

-Como se vai desenvolvendo o proceso de pacificación en Euskal Herria? Estase ralentizando? Que obstáculos enfrenta e que perspectivas de futuro ten?

 

-Os obstáculos son evidentes e son os mesmos que se están reflectindo desde hai uns anos, especialmente desde que a esquerda abertzale e a propia ETA dan uns pasos unilaterais moi decididos e firmes, moi en sintonía coa maioría social de Euskal Herria, na dirección de avanzar cara á unha resolución democrática do conflito vasco, na idea de lanzar de forma definitiva un proceso de paz e de resolución en clave democrática. Algo que parece non ser do agrado do Estado español, que a todas luces podería non desexar un proceso de paz e resolución en clave democrática.

 


-Cres que o está torpedeando?

 

-Si, si.

 

-Como, como o fai?

 

-Podería actuar dun modo moi diferente en relación aos dereitos dos presos políticos vascos, mesmo dentro da súa propia legalidade. Podería actuar, por exemplo, seguindo as recomendacións do impulso internacional moi forte que se deu nos últimos anos para apoiar un proceso de paz e resolución en clave democrática no noso país. A mediación internacional, a participación internacional, realmente non focalizou só as súas recomendacións en ETA, digamos. Tamén interpelou e cuestionou o Estado español sobre todo, e tamén o Estado francés, para que dean unha resposta positiva a eses pasos unilaterais [de ETA] e á necesidade e ao interese evidente dunha maioría social en Euskal Herria que quer solucionar de forma xusta e definitiva este conflito.

 

"O caso escocés pode marcar unha especie de protocolo dentro da UE"


-Algunha novidade en relación coa situación de Otegi?

 

-Non, e continúa sendo tan escandalosa como o primeiro día da súa detención e encarceramento. Otegi e os seus compañeiros foron detidos e encarcerados por realizar un traballo político na chave que estamos comentando, por unha resolución democrática deste conflito, algo que beneficia a todos e a todas, que beneficia a todas as partes, e algo que o Estado español debería entender e asimilar.

 

-En relación a Otegi especificamente, hai unha interpretación posíbel sobre a actuación
do Estado: non o liberan porque temen que aí poida xurdir un líder político moi potente, o líder que puidese encabezar o proceso cara á independencia.

 

-Arnaldo é un líder político xa e moi forte e evidente. Si. O Estado español ten medo á paz e a un proceso de paz. O propio Otegi teno dito en máis dunha ocasión. Otegi ten dito que nós non nacimos para resistir, nen tan sequera para responder, nós nacimos para gañar, e o Estado español é consciente de que o camiño emprendido é para gañar, para gañar Euskal Herria, para que todos gañen, pero nunha clave democrática, tan democrática como que a cidadanía e a sociedade poda decidir.

 

Esta entrevista apareceu no Sermos Galiza nº 103 publicado a 3 de xullo de 2014.