España, Irlanda e Noruega recoñecerán a próxima semana o Estado de Palestina

Os primeiros ministros de Irlanda, Simon Harris; Noruega, Jonas Gahr Støre, e España, Pedro Sánchez. (Fotos: Europa Press)
"Chegou a hora de pasar das palabras á acción", afirma Pedro Sánchez.

"Non pode haber paz en Oriente Próximo sen que Israel e Palestina teñan o seu propio Estado". Así de contundente mostrouse esta cuarta feira o primeiro ministro de Noruega, Jonas Gahr Støre, nunha rolda de prensa na que confirmou que o seu país recoñecerá oficialmente Palestina como Estado independente a próxima terza feira, 28 de maio.

"En medio dunha guerra, con decenas de miles de mortos e feridos, debemos manter viva a única alternativa que ofrece unha solución política a israelíes e palestinos: dous Estados, vivindo xuntos, en paz e con seguridade", engadiu Støre, quen salientou o "dereito fundamental" do pobo palestino á autodeterminación. A demarcación entre ambos os Estados, dixo, debe quedar fixada nas fronteiras debuxadas en 1967, antes de que Israel gañase terreo invadindo progresivamente Cisxordania con asentamentos declarados ilegais pola comunidade internacional, e con Xerusalén como capital compartida.

Poucos minutos despois, desde Madrid, chegaba tamén o prometido anuncio de Pedro Sánchez. O Goberno español dará a Palestina un status oficial no Consello de Ministros do día 28, cumprindo así a meta de recoñecelo antes do mes de xullo. "Chegou a hora de pasar das palabras á acción", dixo Sánchez desde a tribuna de oradores do Congreso.

O primeiro ministro noruegués, Jonas Gahr Støre, nunha visita a Oslo do seu homólogo español, Pedro Sánchez, o pasado 12 de abril. (Foto: Moncloa vía Europa Press)

O presidente español chamou tamén a impulsar a solución de dous Estados, e incidiu en que este recoñecemento "non é contra nadie", en alusión a Israel, "un pobo ao que respectamos e apreciamos, e cuxo recoñecemento defendimos ante os líderes dos países árabes que aínda non o fan", explicou.

E, de forma paralela e coordinada, en Dublín comparecía a primeira hora da mañá o primeiro ministro irlandés, Simon Harris, para ratificar tamén o seu recoñecemento do Estado palestino. "Hoxe é un día histórico. Cremos na liberdade e a xustiza como principios fundamentais do Dereito Internacional e cremos que unha paz permanente só pode lograrse a partir da vontade da poboación", subliñou.

A vindeira semana a lista de países membros da ONU que recoñecen Palestina como Estado independente subirá a 144, e a España, Irlanda e Noruega poderían sumarse proximamente Malta e Eslovenia, que están a estudar esa posibilidade. No último mes, aliás, Barbados, Xamaica, Bahamas e Trinidade e Tobado deron tamén o paso de recoñecer Palestina.

Reaccións de Israel e Palestina

Non tardou en chegar a reacción do Goberno israelí, que chamou a consultas aos embaixadores destes tres Estados e afeou o seu movemento en favor do pobo palestino, alegando que o recoñecemento "supón un risco de que tornen [España, Irlanda e Noruega] nun peón en mans de Irán e Hamás". "As vosas accións só alimentarán o extremismo e a inestabilidade", dixeron desde o Ministerio de Exteriores.

O propio Pedro Sánchez admitía previamente no Congreso que esta decisión tería consecuencias. "Estamos preparados para asumilas, porque pensamos que o propósito da diplomacia non consiste en non molestar a ninguén, senón en defender os intereses e os valores propios de forma pacífica. E é o que estamos a facer hoxe", resolveu.

Pola súa parte, o presidente da Autoridade Palestina, Mahmud Abbas, aplaudiu o paso adiante dos gobernos español, irlandés e noruegués, salientando que a súa aposta pola solución de dous Estados "representa a vontade e a lexitimidade internacional". Unha opción, dixo, que "está a ser destruída de forma sistemática a causa das políticas israelíes, especialmente a través da guerra xenocida na Faixa de Gaza".