A Nova Fronte Popular francesa enléase polo sistema de elección da primeira ministra

Olivier Faure, líder do PS, nunha intervención o sábado. (Foto: Nós Diario)

A esquerda, á alza nos traballos demoscópicos.

Na Nova Fronte Popular (NFP) francesa, que agrupa a maioría de forzas progresistas do territorio, desatouse a terza feira un novo enfrontamento, neste caso arredor do sistema para elixir unha ou un primeiro ministro da alianza se logra obter a maioría absoluta nas eleccións lexislativas do 30 de xuño, cunha segunda volta o 7 de xullo.

O coordinador da Francia Insubmisa (LFI), Manuel Bompard, lembrou que a semana pasada, cando se fechou o pacto, foi consensuado que a formación da NFP que obteña o maior número de deputadas e deputados sería a encargada de facer a proposta, poucas horas despois de que Olivier Faure, que lidera o Partido Socialista (PS), insistira en que se debería organizar unha votación entre a representación progresista na futura lexislatura da Asemblea Nacional para que elixa a persoa que ocupará o cargo.

A pesar disto e do conflito na fin de semana pola conformación das candidaturas, as enquisas revelan un paulatino incremento da intención de voto da NFP, convertida xa na única alternativa á vitoria da ultradereita de Reagrupación Nacional.