A HABANA E WASHINGTON REANUDAN RELACIÓNS DIPLOMÁTICAS, ROTAS EN 1961

Obama admite que 50 anos de bloqueo a Cuba “non funcionaron”

Obama e Castro saúdanse no enterro de Nelson Mandela [Imaxe EFE]

EUA e Cuba retomarán as conversas diplomáticas. Raúl Castro parabeniza o paso mais lembra que “o bloqueo debe cesar”.

 

Cuba e Estados Unidos deron esta cuarta feira o primeiro paso cara á normalización das relacións entre ambos os dous países. Un punto ao que se chega após meses de negociacións secretas e coa mediación, como recoñeceron Raúl Castro e Barcak Obama en senllos discursos, do Papa e Canadá. O presidente de EUA afirmou na comparecencia que o “illamento” que durante medio século practicaron contra Cuba “non funcionou”, engadindo que as políticas que trataban de impulsar a Cuba cara ao colapso “non serviron”. Un recoñecemento implícito do fracaso do embargo económico, comercial e financeiro que EUA aplica á illa desde 1961.

Raúl Castro anunciou que “acordamos restablecer as relacións diplomáticas”, mais tamén engadiu que “isto non quer dicir que o principal problema se resolva: o bloqueo debe cesar”. Castro propuxo ao goberno estado-unidense adoptar “medidas mutuas para mellorar o clima e avanzar cara á normalización entre os dous estados”, apelando a “aprender a vivir coas nosas diferenzas”.

Obama, de por parte, baseou a súa intervención en recoñecer que as políticas e medidas que protagonizaron este último medio século “non funcionaron”. 

Liberacións

O anuncio produciuse horas despois de coñecerse a posta en liberdade dos tres cubanos detidos en Miami e do estadounidense Alan Gross preso en Cuba. 

Esta cuarta feira (17 de decembro), Gross despegou da capital cubana cara á Washington nun avión do goberno estadounidense. O contratista condenado por espionaxe cumpría na Habana unha condena de 15 anos mais foi posto en liberdade por "razóns humanitarias" após cinco de cadea, segundo informou á imprensa un responsábel da administración Obama. 

Doutra banda, os tres cidadáns cubanos detidos en Miami Gerardo Hernández, Antonio Guerrero e Ramón Labañino tamén foron postos en liberdade esta cuarta feira. Así o confirmou através da rede social Twitter outro dos cinco, René González. Esta tarde chegaron á illa caribeña.