A oposición venezolana chama a protestar contra Maduro após recibir o apoio estadounidense
María Corina Machado, líder da facción máis importante da oposición en Venezuela e que designou o conservador Edmundo González como candidato ás eleccións presidenciais do pasado domingo, convocou na madrugada da sexta feira mobilizacións para o sábado ao longo de todo o país co fin de rexeitar o resultado emitido polo Consello Nacional Electoral (CNE), que proclamou o presidente, o progresista Nicolás Maduro, como reelixido nas urnas.
Pouco antes os Estados Unidos recoñeceran González como mandatario electo sen agardar á publicación dos resultados mesa por mesa, que o CNE atrasou no contexto da denuncia por un ataque informático masivo contra o sistema de transmisión de datos dos comicios na noite electoral.
As denuncias de fraude de Machado, vinculada coa extrema dereita e que fixo campaña en 2020 a favor dunha invasión militar estranxeira para derrocar Maduro, derivaron en disturbios na madrugada da segunda á terza feira que se foron apagando nos seguintes días.
A ONG Foro Penal sostivo que faleceron 11 persoas, entrementres a Fiscalía comunicou que morreu un militar.
Neste sentido, Maduro celebrou que “derrotamos a primeira parte do golpe fascista criminal”, e reaccionou á decisión de Washington exixindo que saque “os seus narices de Venezuela”.
A Xustiza dirimirá o caso
Ademais, a Sala Electoral do Tribunal Supremo de Xustiza convocou, despois de aceptar o recurso presentado por Maduro para que a maxistratura aclare “todo o que haxa que aclarar” no tocante ao resultado electoral, todos os candidatos para que se presenten a sexta nunha audiencia no marco do proceso de investigación.