Protestas no Perú após saír de prisión o ex ditador Alberto Fujimori
Na madrugada de hoxe as forzas de seguridade do Perú reprimiron en Lima as protestas de persoas achegadas ás vítimas dos masacres de Barrios Altos e La Cantuta, polas que foi condenado a 25 anos de prisión o ex ditador Alberto Fujimori. As mobilizacións desencadeáronse pouco despois de que o Tribunal Constitucional ordenara a liberación inmediata de Fujimori, incumprindo cunha resolución de 2022 da Corte Interamericana de Dereitos Humanos, que na práctica impedía a súa posta en liberdade.
O tribunal continental emitiu unha resolución logo da decisión do Constitucional na que require ao Estado que non execute a orde; así e todo, o Executivo liderado por Dina Boluarte aceptou a liberación, que se fixo efectiva ás 18.30 horas (hora local), o que podería derivar nunha denuncia na Organización dos Estados Americanos e até na expulsión do Perú.
A Xustiza peruana está controlada polos conservadores e a extrema dereita, e foi unha peza chave na destitución do presidente progresista Pedro Castillo a finais de 2022, que foi substituído pola vicepresidenta Boluarte co apoio da extrema dereita.
Indulto
O veredicto do Constitucional responde á validación dun indulto presidencial do mandatario Pedro Pablo Kuczynski en 2017 que lle permitiu evitar que varios deputados de Forza Popular, a formación de ultradereita dirixida por Keiko Fujimori, a filla do ex ditador, aprobasen a súa destitución.
Enfrontamento entre o Executivo e a Fiscalía
Xa nesta lexislatura, está en marcha un enfrontamento entre Boluarte, acusada do asasinato de arredor de 50 persoas nas protestas que decorreron na súa contra para exixir eleccións, e a fiscal xeral, Patricia Benavides, imputada por liderar unha trama de corrupción.