O órgano electoral entrega á Xustiza venezolana as actas de escrutinio dos comicios presidenciais

Nicolás Maduro e Elvis Amoroso nun acto a pasada semana. (Foto: Presidencia de Venezuela / Europa Press / Contacto)
O Supremo convoca todas as candidaturas para avanzar na causa.

Como solicitara o Tribunal Supremo de Xustiza de Venezuela, o presidente do Consello Nacional Electoral (CNE), Elvis Amoroso, entregou na madrugada da terza feira a acta de proclamación das eleccións, a acta de adxudicación e as actas de escrutinio das mesas de votación, que reflicten os resultados disgregados dos comicios presidenciais do domingo 28 de xullo.

A presidenta do organismo xudicial, Caryslia Rodríguez, detallou que comezarán co “proceso de peritaxe” dos datos, que se estenderá ao longo de 15 días, con posibilidade de que se emita unha prórroga.

En paralelo, citou os candidatos esta semana para avanzar no caso, que partiu dun recurso presentado polo mandatario progresista Nicolás Maduro co fin de que a Xustiza certificase os resultados que lle deron a relección, cuxa publicación se demorou segundo o CNE por un ataque informático masivo durante o reconto, perante as denuncias de fraude procedentes da principal facción da oposición, que insiste en que o seu candidato, o conservador Edmundo González, se impuxo nas votacións con 67% dos votos.