Owen Jones: decidir Escocia o que decidir, a orde vella está “morta e soterrada”

Owen Jones

 

“Se Escocia votar pola independencia a próxima semana, a quen habería que culpar é ao establishment británico, e só ao establishment”, escribe Owen Jones, xornalista e escritor de 30 anos que, após a publicación de Chavs: The demonization of the working class se ten tornado en referente para toda a esquerda británica (naturalmente á esquerda do centrista Labour Party).

O fortalecimento do SI -que por vez primeira nos inquéritos superaría o NON- é un “desafiante protesto” perante a “bancarrota da orde construída por Margaret Thatcher e despois preservada e blindada polo New Labour”, xulga Jones.

En realidade, o albo das críticas do columnista de The Guardian é máis o partido laborista do que os tories: “A rendición do New Labour aos presupostos teóricos da cruzada thatcherista deu ao movemento independentista a súa maior oportunidade”.

"Moitas escocesas e escoceses ollan para o Reino Unido construído por esta elite política [alusión aos partidos conservador e laborista], non gostan do que ven e queren liscar”

O pobo escocés estaría a contemplar a serio a hipótese da independencia porque “moitas escocesas e escoceses ollan para o Reino Unido construído por esta elite política, non gostan do que ven e queren liscar”. “Para a maior parte dos escoceses, viver baixo un goberno liderado polos tories parece absurdo, como ter sido forzado a viver baixo unha hostil forza de ocupación estranxeira”.

O si capitaliza a oposición ás políticas conservadoras, tan é así que, frisa Jones, “na papeleta de votación o 18 de Setembro, o SI parece significar: non viver nunca máis baixo un goberno Tory”.

Cuestión de tempo

En todo caso, a independencia de Escocia sería cuestión de tempo: “Mesmo que o Non gañar por un resultado axustado, Escocia liscará [do Reino Unido] dentro de unha década, agás que houbese cambios dramáticos: só os maiores de 65 anos se opoñen firmemente á independencia”.

Os cambios dramáticos aos que se refere Jones terían de pasar por unha sorte de refundación federal do Reino Unido, pola que o columnista de The Guardian advoga. “A vella orde está morta, pasar oo que pasar. Unha nova orde constitucional -con drástica devolución de poderes ás rexións inglesas e a Gales, e a Escocia se fica- debe ser construída”.