Pablo Iglesias descúlpase por falar de ''xentiña de clase máis baixa que a nosa'' e di que foi ''arrogante''

[Imaxe de arquivo: SG]

A difusión da súa comparecencia canda Nega, de Los Chikos del Maíz, durante a presentación dun libro obrigou o líder de Podemos a se retractar das súas palabras. Faino nun artigo pendurado no seu blogue persoal en que carga contra @s xornalistas que publicaron o vídeo en que fai estas declaracións porque "non xogaron limpo".


Non estaba tirada de contexto. A intervención do profesor de Ciencia Política e cara visíbel do proxecto Podemos, Pablo Iglesias, en que fala de "xentiña dunha clase moito máis baixa que a nosa" foi a maneira que escolleu para "explicar as contradicións dos universitarios revolucionarios cando se atopan de fronte coa realidade social máis crúa".

Así o explica o propio Iglesias nun artigo que pendurou no seu blogue persoal. Baixo o título de Lúmpenes e Xentiña, di asumir "sen escusas" o efecto que provocaron as súas declaracións, que cualifica de "desliz" que non pode permitirse "dada a miña sobreexposición pública" e acrecenta que foi "un arrogante" por ter misturado "de maneira moi desafortunada a terminoloxía sociolóxica marxista --en referencia ao lumpemproletariado-- cunha pose irónica e provocadora para me burlar das contradicións da esquerda".

Pablo Iglesias narra de novo a briga que mantiveron el, outro estudante universitario e "un obreiro de verdade" nun centro social autoxestionado, El Laboratorio, onde un grupo de persoas a quen primeiro denominou "xentiña" e agora denomina "en risco de exclusión social", de maneira irónica e "para non ofender ninguén", intentaron roubar unha mesa de misturas. Os propietarios, un grupo de rap, "requiriron o concurso dos meus modestos esforzos" para evitar unha liorta que finalmente se produciu e na cal Iglesias partiu un óso.