Países africanos reclaman sancións para rematar coa biopirataría cando se ultima o tratado internacional do ámbito

Primeiro día do debate para un tratado contra a biopirataría, a segunda feira. (Foto: Nós Diario)
O pacto que se negocia busca acabar coa explotación de recursos xenéticos e dos coñecementos tradicionais asociados.

A segunda feira comezou no seo da Organización Mundial da Propiedade Intelectual da Organización das Nacións Unidas (ONU) o debate para ultimar un tratado que protexa da explotación os recursos xenéticos e os coñecementos tradicionais que implican.

O borrador sostén que ao solicitarse unha patente deberá revelarse de onde proceden estes recursos e que pobos orixinarios proporcionaron o dato, posto que aínda que os recursos xenéticos naturais, como os das plantas medicinais, cultivos ou animais, non poden patentarse, si é o caso de invencións desenvoltas a partir deles.

Nas primeiras conversas, Kenya, que representa o grupo de Estados africanos, defendeu que se inclúa no pacto un réxime de sancións a empresas ou países que o infrinxan.

“As negociacións non serán fáciles”, recoñeceu Daren Tang, director do organismo, que afirmou que os países en vías de desenvolvemento están “na cúspide dun acordo verdadeiramente histórico”, cuxas negociacións se estenderán como mínimo ao longo das vindeiras dúas semanas.